Ir o contido principal

Os reitores das últimas catro décadas da USC analizan os desafíos inmediatos do ensino superior

Os reitores mantiveron o encontro no Salón Reitoral de San Xerome, gardando a oportuna distancia de seguridade. Foto: Santi Alvite
Os reitores mantiveron o encontro no Salón Reitoral de San Xerome, gardando a oportuna distancia de seguridade. Foto: Santi Alvite
Convidados polo reitor Antonio López, este destacou a capacidade de adaptación da USC na actual situación e a necesidade de afrontar de inmediato retos inéditos na historia da universidade compostelá
Lugo, Santiago de Compostela

Os reitores das últimas catro décadas de historia da USC reuníronse este venres no Colexio de San Xerome nun encontro que buscaba profundar nos retos inmediatos e inéditos que afronta a Universidade ao fío da actual situación motivada por Covid-19. Convidados polo actual reitor Antonio López, asistiron os ex reitores Carlos Pajares, Ramón Villares, Darío Villanueva, Senén Barro, Juan Casares e Juan Viaño (este último en vídeo conferencia por problemas circunstanciais de mobilidade).

Neste encontro singular de quen ten ostentado a responsabilidade do goberno universitario na institución compostelá nos últimos trinta e seis anos, o reitor Antonio López compartiu as medidas adoptadas nas últimas semanas, na súa maioría “decisións sen precedentes que permitiron á USC adaptarse, unha vez máis, a unhas condicións inéditas”.

Como quedou patente na conversa, moitos dos cambios xa experimentados nas últimas semanas “transcenden as propias circunstancias e están chamados a deixar unha pegada estrutural” indicou Antonio López. A incorporación de ferramentas e outros elementos que complementen o desenvolvemento da docencia ou do traballo en formato non presencial son cuestións que “temos que afrontar coa maior axilidade na análise dos desafíos da universidade, sen esquecer que somos unha institución presencial”. Máis alá da situación asociada á actual pandemia, “representan oportunidades que as institucións universitarias debemos ser quen de poder aproveitar co mellor rendemento”.

No transcurso do encontro o reitor Antonio López anunciou a súa intención de crear un grupo de traballo que avance na definición dos mecanismos e das medidas a implementar a curto e medio prazo e que permitan á universidade desenvolver as súas misións nas mellores condicións posibles.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2020.