Ir o contido principal

Reivindican a relevancia da investigación en servizos ecosistémicos na toma de decisións políticas

As solucións baseadas na natureza poden crear escenarios gañadores para economías, ecosistemas e persoas. FOTO: ‘Nature Sustainability’
As solucións baseadas na natureza poden crear escenarios gañadores para economías, ecosistemas e persoas. FOTO: ‘Nature Sustainability’
O estudo publicado en ‘Nature Sustainability’ e no que toma parte o investigador da USC Greggory Verutes constata a necesidade de políticas viables que tomen en consideración as necesidades diversas das persoas á hora de beneficiarse destes servizos
Santiago de Compostela

Un bosque saudable alberga numerosos beneficios para as persoas como auga, madeira para a construción ou un lugar para que os individuos conecten coa natureza; porén, tal e como constata unha investigación que acaba de ver a luz en Nature Sustainability, “se queremos protexer os activos naturais dos que todos dependemos, necesitamos políticas viables que incorporen as diversas necesidades das persoas. Non debería haber un enfoque único para todos cando falamos de persoas e natureza” afirman os asinantes do artigo, entre os que se atopa o investigador da USC Greggory Verutes. “O contexto importa”, matizan os autores.

A comunidade científica centrada nos servizos ecosistémicos —os beneficios que as persoas extraen da natureza—  aspira a reflectir como a natureza contribúe ao benestar humano e, deste xeito, elevar a súa consideración na toma de decisións. Con todo, ata o de agora o impacto político da investigación neste eido foi limitado, aclaran os investigadores. Os resultados do traballo suxiren que aumentar a relevancia das decisións da investigación en servizos ecosistémicos implica predicir de xeito máis eficaz os impactos de decisións específicas sobre o valor e a distribución dos servizos ecosistémicos entre os grupos beneficiarios. Eses esforzos necesitan integrar modelos ecolóxicos con dimensións socioeconómicas e culturais.  

Que ninguén se que quede atrás

Existe unha tendencia crecente para investir na natureza a fin de protexer os recursos vitais e mellorar a resiliencia climática. Pero para que a natureza se inclúa en políticas, plans de desenvolvemento sostible e outras decisións de xestión, o equipo investigador afirma que a ciencia que hai detrás debe ser máis inclusiva e centrada nas persoas. Os seres humanos benefícianse da natureza de diferentes xeitos: un bosque pode fornecer madeira valiosa para un grupo á vez que proporciona un profundo significado cultural para outro. Cando non se teñen en conta todas as persoas ou grupos que reciben eses beneficios, as persoas que máis dependen da natureza poden quedar atrás. "Se non se sabe a quen se beneficiará de xeito específico, como se poden establecer prioridades sobre onde e como conservar?" apunta o equipo científico responsable da investigación. "Queremos asegurarnos de que os beneficios dos ecosistemas se compartan equitativamente, de xeito que non empeoremos aínda as desigualdades raciais e sociais existentes", sinalan.

As solucións baseadas na natureza poden crear escenarios gañadores para economías, ecosistemas e persoas: dende asegurar o abastecemento local de auga ata informar sobre os plans de desenvolvemento costeiro. Neste senso, comprender os valores que a natureza proporciona ás persoas pode ser unha poderosa ferramenta para os responsables de tomar decisións. "A xente necesita verse a si mesma, os seus valores e necesidades, apoiados nos esforzos de conservación. Moitas veces, a investigación intentará asignar un valor económico á natureza sen pensar en quen se beneficiará dela. Isto é como dicir que tes comida na despensa cun determinado valor económico, pero non sabes de que tipo de comida se trata nin quen vas comer. Non podes planificar a túa comida sen saber o que tes e que necesitan os teus comensais ", apunta o equipo investigador.

Os investigadores recomendan accións para a propia comunidade científica que se centren en fomentar a comprensión de quen se beneficia da natureza nas comunidades ás que esperan servir. Asemade, destacan o compromiso directo coas persoas, para que a ciencia e as políticas poidan estar mellor equipadas para satisfacer as necesidades da sociedade, aumentar a equidade e protexer os recursos vitais. "Esta é unha chamada para que todos fagamos un traballo mellor. Podemos entregar mellor a información necesaria para avanzar cara a un futuro máis sostible e equitativo ", sinalan os autores. "E para iso estamos a traballar todos".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2020.