A relación entre cidade e Universidade, a debate coas candidaturas ás alcaldías de Santiago e Lugo

Os grupos políticos con representación nos concellos de Lugo e de Santiago de Compostela debaterán nos dous campus sobre cuestións que afecten á vida universitaria. Deste xeito aténdese a demanda da comunidade da USC de trasladar as súas cuestións e suxestións co gallo das vindeiras eleccións municipais que se desenvolverán o 28 de maio.
O martes 11 de abril, a partir das 19.00 horas, o auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Compostela acollerá o primeiro dos faladoiros. O xoves 13 será a quenda da cidade de Lugo, xornada na que o salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado converterase en sede do segundo dos debates, tamén ás 19.00 horas. Cada sesión terá unha duración de 90 minutos e será retransmitida en directo dende a canle oficial de YouTube da USC.
Os debates estarán estruturados en catro bloques. Logo dunha presentación xeral a cargo da persoa moderadora, a primeira parte dos debates xirará arredor da relación institucional, é dicir, propostas para a simplificación das relacións institucionais no eido da xestión entre administracións e para a dinamización da relación entre tecido empresarial, cidade e universidade. A continuación, o faladoiro pasará a abordar propostas de convivencia dos desprazamentos da comunidade universitaria, dende unha perspectiva sustentable, cos plans de mobilidade da cidade.
A vivenda será o eixo sobre o que se artellará o terceiro dos bloques. Así os e as representantes poderán profundar en propostas para facilitar acceso á vivenda de aluguer na cidade nun contexto onde os domicilios destinados a outros usos fan diminuír, substancialmente, a oferta e obrigan aos estudantes a buscar outras opcións.
Finalmente, o debate pecharase cunha quenda libre no que cada participante poderá cerrar a súa intervención facendo un resumo de propostas. Ademais, repartiranse papeis ás persoas asistentes para que poidan escribir as súas preguntas, que formulará o moderador nunha rolda aberta de quince minutos. En cada un dos bloques, cada intervención individual terá unha duración de tres minutos.
No debate de Compostela, moderado polo profesor Xosé Ramón Pousa, participarán, PSdeG-PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG; mentres que en Lugo, moderado polo xornalista Lois Caeiro, os grupos participantes son PSdeG-PSOE, PP, BNG e Ciudadanos. O acceso para asistir de xeito presencial será libre ata completar a capacidade dos respectivos espazos.