Ir o contido principal

A relación entre mediación familiar e xénero, a análise en Vilagarcía nos cursos de verán

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Obradoiros sobre o tratamento e a resolución do conflito, as particularidades da alienación parental e a mediación familiar xunto a conferencias sobre estes e outros temas conforman o programa sobre o que se centrará o curso ‘ Mediación familiar e xénero’, a celebrar en Vilagarcía de Arousa dentro da programación de Universidade de Verán 2010. Trátase dunha actividade formativa que dirixe a profesora Raquel Castillejo recoñecida como formación permanente do profesorado pola Consellaría de Educación e que está incluída no proxecto de investigación ‘A violencia sobre as Mulleres: a mediación, unha solución”. O curso celebrarase do 7 ao 10 de setembro no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. Na primeira xornada presentarase a situación actual da mediación familiar en España, o que dará paso a unha intervención sobre o tratamento do conflito dende unha perspectiva psicolóxica. Completarán a xornada un obradoiro sobre resolución de conflitos e unha conferencia sobre médotos alternativos de resolución de conflitos. A alienación parental e xénero e prevención serán abordados en dous obradoiros que centrarán a sesión do día 8 xunto a unha intervención sobre a prevención da violencia de xénero en menores. Ao día seguinte, a xornada abrirá analizando o marco xurídico da mediación familiar e o penal e procesual da violencia de xénero. O obradoiro desta sesión dedicarase á mediación familiar.

Para rematar, o curso analiza tamén o desenvolvemento e as crises nas relacións amorosas dende o punto de vista psicolóxico, a mediación en violencia de xénero e a relación entre amor, xénero e violencia. Rematará o programa do curso cun obradoiro no que se profunda na mediación en violencia de xénero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2010.