Un relatorio sobre innovación social e paz abre en Lugo o congreso da mocidade investigadora en produción primaria e alimentación

O I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria (JIPAS 2019), un foro de divulgación e debate científico promovido pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC (BioReDes) e a Rede Inmunogenom da USC, botou a andar este este xoves e venres na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo co relatorio ‘A innovación social e a extensión solidaria como estratexias para o fortalecemento de acuicultores/agricultores de recursos limitados e a construción de paz en Colombia’, a cargo da profesora da Universidade Nacional de Colombia Adriana Patricia Muñoz Ramírez.
Na súa intervención ante máis de 120 investigadores mozos de todo o Sistema Universitario Galego, entre os que se atopa unha ampla delegación internacional, ademais de representantes da maioría dos centros de investigación operativos na comunidade galega e noutras localizacións de España e de Portugal, esta recoñecida especialista en Zootecnia deu conta dalgunhas experiencias de innovación social e extensión solidaria desenvolvidas pola Universidade Nacional de Colombia en colaboración con comunidades vulnerables de diferentes rexións do país iberoamericano para a produción ou transformación de insectos comestibles, peixes e aves, así como respecto do manexo de residuos.
O coordinador de BioReDes e da Rede Inmunogenom da USC, Paulino Martínez Portela, a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e a secretaria da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, María Iniesto, foron os encargados de dar a benvida a todos os participantes neste congreso, concibido como un foro de análise e debate acaído para que a mocidade investigadora poida presentar as súas pescudas e expoñer os seus traballos de investigación, ademais de intercambiar opinións, debater resultados científicos e mellorar a súas técnicas e habilidades para a presentación e defensa pública dos seus traballos e achegas científicas nos ámbitos da produción primaria sostible e no de calidade e da seguridade alimentaria.
O programa do congreso continuará ao longo de toda a xornada do xoves coa celebración de diversas sesións de presentación de comunicacións orais e de pósters, así como con varias mesas de debate e coloquios que, entre outras cuestións, tamén abordarán a problemática asociada aos efectos do cambio climático.
A xornada do venres comezará ás 9.00 horas cunha exposición do labor desenvolvido desde o Campus Terra da USC respecto da agroforestería. Ao remate desta sesión comezará unha quenda de presentacións de comunicacións orais moderada pola profesora Azucena Mora á que seguirá outra sesión de presentación de pósters guiada polo tamén docente da USC Roberto Bermúdez.
A estrutura do I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria terá continuidade ata as 18.15 horas do venres, cando se procederá a sesión de clausura e entrega de premios ás mellores comunicacións. O coordinador de BioReDes, a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o investigador de BioReDes, Roberto Martínez Pose, presidirán a sesión de peche deste congreso.
Paulino Martínez, Elvira López Mosquera e María Iniesto, na apertura do congreso na EPSE Adriana Patricia Muñoz, na súa intervención en JIPAS 2019 Presentación de comunicacións científicas no marco do congreso



