Relatos curtos contra a violencia de xénero

Un ano máis a Universidade de Santiago convoca, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o 25 de novembro, o Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero. A esta iniciativa que desenvolve a Oficina de Igualdade de Xénero pode presentarse o alumnado matriculado na USC este curso, que dispón de prazo ata o vindeiro 6 de novembro para presentar as súas obras. Os textos inéditos estarán redactados en galego, cunha extensión máxima de 1.000 palabras incluído o título e unha temática relacionada coa violencia contra as mulleres. As persoas participantes optarán a un primeiro premio de 250 euros e dous accésit de 150. O proceso do concurso poderá seguirse a través da web da Oficina de Igualdade de Xénero onde se publicarán a listaxe de participantes, composición do xurado, persoas que resulten gañadoras, así como a forma de entrega de premios. O xurado integrarano persoas con experiencia en temas relacionados coa violencia contra as mulleres e a igualdade de xénero.