Ir o contido principal

Remata o ciclo de concertos 'Entre lusco e fusco' coa actuación de Narf no Auditorio Aberto do Campus de Lugo

O ciclo de concertos ao aire libre ‘Entre lusco e fusco’ que durante todo o mes de xullo achegou a espazos abertos da cidade luguesa as actuacións de grupos de toda Galicia chega ao seu fin, este xoves 26 ás 21:00 horas, coa intervención de Narf no Auditorio Aberto do Campus. Esta inciativa do convenio Lugo Cultural pretendía recuperar para a música lugares como o Parque Rosalía de Castro ou o Anfiteatro Aberto da Deputación Provincial.
O trío Narf, con Fran Pérez á fronte, experimenta nas súas cancións cunha instrumentación reducida na que se combinan a guitarra acústica que el mesmo toca e a guitarra flamenca de Marcos Teira, acompañadas pola percusión do caixón ou polo vibráfono do que se encarga Pepe Sendón.
Este é o proxecto máis persoal de Fran Pérez que contou, nesta ocasión, con dous colaboradores de longo tempo. Con Pepe Sendón, Fran tocou en grupos de rock como Nicho Varullo e Os Kinindiola, e comezou a súa carreira como compositor para teatro con Chévere ou Trigo Limpo. Ultimamente comparten a creación do proxecto multimedia ‘O Labirinto dos Soños’. Marcos Teira xa formara parte de Os Kinindiola a principios dos 90, e logo volveuse a reunir con eles para formar A Psicofónica de Conxo, entre outros proxectos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2007.