Ir o contido principal

Remata o curso que estuda as obras imprescindibles para Primaria e Secundaria sobre conflitos bélicos

Diante da situación que se está a vivir en Europa e países próximos, a USC a través do seu Instituto de Ciencias da Educación e do Grupo de Investigación LITER21 organiza estes días o XII Curso de Formación ‘As literaturas infantís e xuvenís’ cunha temática centrada nas obras imprescindibles para o Ensino Primario e Secundario sobre conflitos bélicos e así axudar á planificación da educación literaria.

O curso celebra unha nova sesión este venres 20 na Biblioteca Afundación de Santiago na que intervirán o ilustrador Kiko da Silva e a profesora da USC Marta Neira Rodríguez, que abordarán a visión das guerras na narrativa gráfica; e Olalla Cortizas, Cristina Varela e Guillermo Calviño, que desenvolverán un taller de ilustración sobre diferentes enfoques artísticos contemporáneos dende os que se abordaron as guerras.

Este curso rematará o sábado 21 coa intervención deFina Casalderrey e Paula Carballeira, que falarán da presenza dos conflitos bélicos nas súas obras, na relevancia que a literatura ten para comprendermos as graves consecuencias das confrontacións e na necesidade de concienciar as xeracións máis novas dunha cultura da paz.

Á clausura, ás 13.30 horas, asistirán un representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Ana Mª Porto Castro; o director da Biblioteca Afundación, Pedro Lucas Domínguez; e a directora do curso, Blanca-Ana Roig Rechou.

Con estas intervencións remata a duodécima edición desta iniciativa formativa que conta co apoio do MINECO-FEDER; a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. É ademais apoiada pola Biblioteca Afundación, a Rede Temática ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIXMI), o Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE)–USC e as asociacións ANILIJ-ELOS e ELOS-GALICIA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2015.