Remata o labor dos bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria nos centros docentes

Os bolseiros de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria do curso 2009-2010 remataron o seu labor este martes. Estas bolsas, convocadas anualmente dende hai seis cursos pola Oficina de Desenvolvemento Sustentable da USC e o Servizo de Participación e Integración Universitaria, teñen como obxectivo fomentar a participación e sensibilización da comunidade universitaria mediante a súa implicación en proxectos ambientais, sociais ou de integración. Á última xuntanza, de clausura, asistiron a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o membro da Sociedade Galega de Educación Ambiental, Miguel Pardellas; membros da Oficina de Desenvolvemento Sostible e bolseiros do campus de Santiago e de Lugo. Durante este curso os bolseiros colaboraron en diversas actividades como a xestión dos puntos verdes para a reciclaxe de diferentes residuos nos centros ou a avaliación ambiental das facultades e escolas universitarias... Tamén participaron nunha ruta interpretativa pola cidade de Lugo e nunha visita guiada polo patrimonio natural do Campus Vida e o Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Ademais, participaron no programa de educación ambiental sobre a pegada e a débeda ecolóxica que por segundo ano consecutivo se organizou en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega. Dentro deste programa tiveron lugar, nos campus de Santiago e Lugo, uns obradoiros de cociña ecolóxica no mes de maio ao que asistiron máis de 30 persoas e no que aprenderon a elaborar pratos con materiais ecolóxicos e de produción local. Todas as actividades realizadas polos bolseiros poden ser consultada a través da páxina web da Oficina de Desenvolvemento Sostible, onde tamén se pode atopar información sobre as actividades desenvolvidas en anteriores cursos e onde se informa de todos os datos relativos á convocatoria das bolsas.