Remata en Lugo un curso sobre o uso da informática na alimentación do gando vacún
A aplicación de sistemas informáticos para a optimización da alimentación do gando vacún segundo os diferentes estados fisiolóxicos e produtivos do animal centrou a primeira edición do curso práctico sobre ‘Alimentación de vacún leiteiro con aplicación de software informático’ celebrado ao longo desta semana na Escola Politécnica Superior de Lugo. A sesión de clausura celebrarase este venres 23 na Aula 1 de Informática da Escola Politécnica Superior de Lugo a partir das 21:30 horas coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus Lugo, Pablo García Herradón, e do coordinador do curso e profesor do Departamento de Anatomía e Produción Animal da Facultade de Veterinaria do campus lugués, Ignacio García Lara. Preto de trinta persoas, principalmente estudantes e titulados en Veterinaria e nas Enxeñarías Agrónoma e Técnica Agrícola, asistiron a estas xornadas que impartiron catedráticos da USC e representantes das principais empresas españolas veterinarias expertas en nutrición. Nas sesións combináronse a teoría coa práctica de xeito que os asistentes profundaron en cuestións como as necesidades alimentarias do gando vacún ou as características das forraxes e dos pensos, ao tempo que aprenden a manexar o software Sizirac que fai posible, por exemplo, a formulación das racións de alimento nas explotacións gandeiras.
A alimentación é un dos factores que máis inflúe na produción e na rendibilidade dunha granxa de gando vacún leiteiro e a informática estase a converter na ferramenta imprescindible para a elaboración das racións destinadas a cubrir as necesidades alimenticias do animal nas súas diferentes etapas produtivas.