Remata este martes o ciclo ‘A pequena historia do cuarteto de corda’

O ciclo ‘Pequena historia do cuarteo de corda’ da USC rematará este martes 21 co último dos tres concertos previstos. Nesta ocasión, ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade actuarán os violinistas Ildikó Oltai e Irina Gruia, a viola Ioanna Ciobotaru e o violonchelista Millán Abeledo Malheiro, que interpretarán obras de Béla Bartók, Joaquín Turina, Dimitri Shostakovich e Benjamin Britten.
ldikó Oltai
Nada en Budapest (Hungría), realizou os seus estudos superiores na Academia de Música Franz Liszt da súa cidade natal. Gradouse en 1995 como profesora de Teoría da Música e Directora do Coro e en 1996 obtivo o título Superior de Violinista e Profesora de violín. Traballou na Orquestra de Cámara Erkel Ferenc de Budapest como axudante de concertino, no Cuarteto de Corda “László Lajtha”, na Orquestra Sinfónica de Franz Liszt de Budapest como concertina e na Sinfónica Ernö Dohnányi de Budapest como concertina e varias veces como solista.
Desde 1996 é membro da Real Filharmonía de Galicia, e desde 2001 é profesora de violín e música de cámara na Escola de Altos Estudos Musicais. Actuou como solista con la RFG baixo a dirección de Paul Daniel en 2008 e interpretou o 2º Concerto para violín de Béla Bartók con Antoni Ros Marbá en 2010.
Irina Gruia
Nada en Brasov (Romanía), comeza a tocar o violín cando ten 5 anos. Con só 10 gaña o seu primeiro premio. Os seus estudos do Conservatorio Superior continúan nos Estados Unidos e en 2002 gradúase na especialidade de violín polo Conservatorio Hartt nos EEUU, onde estuda con Philip Setzer e Eugene Drucker, os dous violinistas do famoso cuarteto americano de corda Emerson String Quartet.
En 2003 Irina aproba a oposición para a Real Filharmonía de Galicia, traballo que compaxina con varios grupos de cámara como o cuarteto ‘Presto’ ou ‘Expresión String Trio’, entre outros. Desde 2012 comeza a colaborar como violinista coa ‘Filarmónica de Málaga’. É profesora particular de violín, solfexo e historia da música. Utilizando o canon clásico de ensinanza e engadindo novas e divertidas actividades, intenta adaptar a súa pedagoxía ás necesidades de cada alumno.
Ioana Ciobotaru
Comeza os seus estudos en Rumania á idade de 6 anos. Moi pronto gaña prestixiosos concursos de interpretación musical no seu país ata que ingresa na Academia de Música de Bucarest, onde se gradúa en viola coas máximas cualificacións co mestre Valeriu Pitulac. Completa desde entón a súa formación na Scuola di Alto Perfezionamiento Musicale e Saluzzo en Italia.
Comeza a traballar en Suiza coa Fiori Rari Orchestra, actividade que compaxina coa súa condición de viola solista da Bucharest Young Symphonic Players ata que en 1996 únese á prestixiosa Filharmónica George Enescu de Bucarest, onde permanece ata o ano 2000. Traballa o ano seguinte en Xapón coa formación camerística Milenium Arts String e faino tamén en Brasil coa Orquestra Estatal de Sao Paulo. Desde 2001 é viola da Real Filharmonía de Galicia e membro activo do Taller Atlántico Contemporáneo.
Millán Abeledo Malheiro
De Silleda, comeza os seus estudos de violonchelo con Tatiana Cucerenco e Vera Kolar. Continúa no CSMA (Zaragoza) con Ángel Luis Quintana e Bárbara Switalska, con Natalia Shakhovskaya na Escola Superior de Música Reina Sofía e Troels Svane na Musikhochschule Lübeck (Alemaña). Recibiu diferentes premios ao longo da sua carrera: I premio en el Concurso Nacional de Violonchelo (Carcaixent), I premio Fundación Veo Veo, Accésit I premio Concurso Ruperto Chapí (Villena) e I premio Concurso Santa Cecilia 2014 (Portugal).
Fundador de Bambú Ensemble e Dúo Gamma, foi membro da JONDE e colaborou con diferentes orquestras como a Nacional de España, a Sinfónica de Galicia, a de Cámara Reina Sofía ou a Orquestra DaCamera. Foi bolseiro da Fundación BBVA e a Fundación Segundo Gil Dávila. Desde 2014 forma parte do persoal da Real Filharmonía de Galicia e imparte clases na Escola de música Berenguela.