Ir o contido principal

Remata o prazo da convocatoria de bolsas para estadías predoutorais de docentes e investigadores de América Latina

A USC mantén aberta ata o próximo 30 de setembro a segunda convocatoria de bolsas destinadas a financiar as estadías de investigadores, docentes e estudantes de posgrao de centros de América Latina conducentes á realización dunha tese doutoral en cooperación coa institución compostelá. Estas axudas atenden a unha das maiores demandas actuais do sistema de Educación Superior de América Latina como é a formación de doutores, ao tempo que potencian os importantes vínculos académicos e de investigación entre a USC e as universidades americanas participantes. Este modelo de Doutoramento Interuniversitario de Intercambio baséase na planificación de titorías a través de estadías de ata tres meses na USC durante unha serie de anos xunto co emprego dunha contorna de formación en rede para o seguimento continuo de todo o período formativo. Esta modalidade permite compatibilizar as responsabilidades laborais dos profesores universitarios latinoamericanos que realizan unha tese doutoral. Toda a información relativa á convocatoria pódese consultar na páxina www.usc.es/es/goberno/vrrelins/portal_internacional/becas_usc_santander.html Iniciativa de cooperación e apoio á formación

A USC, coa colaboración do Banco Santander, convocou estas axudas de Doutoramento Interuniversitario de Intercambio por primeira vez no ano académico 2009-2010. Nesa convocatoria foran seleccionados un total de vinte e nove profesores e investigadores de universidades de Arxentina, Chile, Colombia, Cuba, México, Panamá e Venezuela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2010.