Remata o prazo para inscribirse na XIV edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
A Oficina de Cultura do Campus de Lugo pecha este venres 7 o prazo de inscrición para participar na edición número XIV do Maratón Fotográfico do Campus, que terá lugar o mércores 12. Trátase dunha das actividades máis consolidadas do Convenio Lugo Cultural, no que colaboran ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.
Este ano, por primeira vez, o maratón está aberto a toda a cidadanía en xeral, sempre que sexan maiores de 18 anos. Poderán participar tanto con cámara dixital como analóxica e se establecen varios premios. A novidade deste ano é o nacemento do Premio Carlos Valcárcel, para a mellor fotografía feita por universitarios ou participantes no espazo fotográfico do Campus. Este premio xurde como homenaxe a un dos mellores fotógrafos que ten a cidade e estará dotado con 200 euros. Así mesmo, haberá premio de 100 euros para a mellor fotografía de cada tema, outros 100 euros para a mellor fotografía de tema libre e de 175 euros para a película de nivel medio máis alto.
Os interesados en inscribirse poden facelo na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada na praza Pío XII de Lugo, no segundo andar, ou chamar ao teléfono 982 285900 coa extensión 21513. Pode consultarse información sobre o mesmo na páxina web do convenio, www.lugocultural.es.