Remata o prazo para inscribirse nas xornadas sobre innovación no medio rural que se celebrarán en Lugo
O prazo para inscribirse nas xornadas ‘Achegándonos ao medio rural’ que se desenvolverán os vindeiros días 9 e 10 de abril no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria de Lugo péchase este venres 26. Os interesados en asistir poden formalizar aínda a súa matrícula a través da web http://www.usc.es/snl/dinamiza/mediorural.htm.
Os estudantes de Veterinaria e de titulacións agrarias da Escola Politécnica Superior son os principais destinatarios destas xornadas, que teñen como finalidade o achegamento a iniciativas e proxectos innovadores no medio rural dentro dun marco ambiental, económico, social e lingüístico sostible. Deste xeito daranse a coñecer experiencias que inclúen medios de produción con aproveitamento de recursos locais e abaratamento de custos, proxectos innovadores de agricultura e gandería ecolóxica, conservación e mellora de razas autóctonas, así como a comercialización en galego como bandeira ou distintivo de calidade.
Profesionais do sector, como veterinarios, agrónomos, economistas, gandeiros e outros empresarios, participarán nos debates e táboas redondas desta actividade para avaliar a necesidade de formar profesionais preparados para acometer os importantes retos que se presentan no medio rural, co obxecto de que sexa moderno, emprendedor e capaz de liderar o desenvolvemento da sociedade galega.
As xornadas ‘Achegándonos ao medio rural’ están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e os Comités. A Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, a Consellaría de Medio Rural, a Deputación Provincial de Lugo, a Facultade de Veterinaria, a Fundación Rof Codina e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia financian a actividade.