Remata o prazo de inscrición para participar no Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
Ata o venres 26 segue aberto o prazo para inscribirse na décimo oitava edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, cuxa celebración terá lugar o próximo día 30 de outubro dentro das actividades do programa Lugo Cultural para o ano 2012. A inscrición pode realizarse nas dependencias da Área de Cultura da USC no Campus de Lugo (edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación) ou a través do teléfono 982 821 513. O 30 de outubro ás 11.00 horas os participantes no maratón coñecerán os tres temas sobre os que deben realizar as fotografías, que terán que ser entregadas á organización antes das 14.00 horas do día 31 de outubro. Establécense dúas modalidades: fotografía dixital e analóxica, entre as que os participantes deberán elixir, pois só poderán presentarse a unha delas. Por primeira vez, as fotografías poderán presentarse tanto en branco e negro como en cor. Este ano a contía dos premios increméntase ata os 250 euros para a mellor fotografía de cada un dos tres temas propostos e un premio especial de 400 euros (que leva o nome do fotógrafo Carlos Valcárcel) para a mellor colección de fotografías dun mesmo autor nos tres temas propostos. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame a organización editará un catálogo coas fotografías gañadoras e unha escolma de entre o resto de imaxes presentadas a concurso. O Maratón Fotográfico configura unha das actividades máis consolidadas e con maior éxito (na edición do ano inscribíronse máis de 40 participantes) das que se promoven desde o programa Lugo Cultural, do que forman parte, ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. Para esta actividade cóntase tamén coa colaboración do grupo cinematográfico Fonmiñá.