Ir o contido principal

Remata o prazo de matrícula do I Congreso de Xustiza Penal 'Xustiza Penal e Delincuencia en Galicia'

As persoas interesadas poden inscribirse ata este xoves 27

Expertos dos ámbitos xudicial, policial e académico reuniranse no I Congreso de Xustiza Penal ‘Xustiza Penal e Delincuencia en Galicia’ para debater sobre a carga de traballo dos tribunais penais, as taxas de vitimización en Galicia, as estratexias e procedementos de investigación e persecución policial e xudicial dos delitos de incendios, delincuencia urbanística ou da delincuencia organizada.
O prazo de inscrición deste congreso, que se vai celebrar o vindeiro mes de decembro, permanecerá aberto ata o día 27 de novembro. No caso das persoas interesadas en presentar comunicacións, dispoñen ata día 28 de novembro para enviar os seus textos. Estes deberán versar sobre algunha das cinco áreas temáticas nas que se estrutura o encontro e que son órganos da xustiza penal en Galicia e a súa actividade, fenómenos delitivos especialmente relevantes na comunidade, taxas de vitimización, sensación de medo ao delito na poboación urbana galega ou relación entre a poboación e as forzas e corpos de seguridade.
A principal finalidade do encontro é ofrecer unha visión da situación da Xustiza Penal en Galicia e das estruturas e formas de delincuencia que, pola súa prevalencia e gravidade, espertan un maior grao de interese na actualidade, mesmo obrigando a unha adaptación dos métodos tradicionais de investigación criminal.
O encontro está dirixido a estudantes de Criminoloxía ou de calquera dos estudos oficiais relacionados coa análise e coñecemento do delito, o delincuente, a vítima e o control da criminalidade, funcionarios de xustiza e de institucións penitenciarias, vixiantes de seguridade privada, directores de empresas de seguridade, detectives privados, criminólogos, membros dos corpos e forzas de seguridade, estudantes en xeral e interesados no fenómeno da criminalidade.
Os alumnos do Instituto de Criminoloxía, Traballo Social e das facultades de Dereito, Psicoloxía, Ciencias Políticas, Ciencias da Educación, Medicina e Ciencias da Comunicación poderán validar a súa asistencia ao congreso cun crédito de libre configuración.
Para acadar máis información as persoas interesadas poden dirixirse á secretaria do Instituto de Criminoloxía da USC no teléfono 981.56.31.00 extensión 14680 ou nos correos electrónicos : icsec [at] usc.es (icsec[at]usc[dot]es), dppenfvs [at] usc.es (fernando[dot]vazquez-portomene[at]usc[dot]es), josemanuel.rebolo.sanchez [at] usc.es (josemanuel[dot]rebolo[dot]sanchez[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2008.