Remata o prazo de matrícula dos cursos intensivos de idiomas do CLM
A matrícula para os cursos intensivos de verán que organiza o Centro de Linguas Modernas remata este mércores 25, día no que tamén está prevista que se realice unha nova proba de nivel, na Casa dos Catedrático en horario de 12.00 a 13.00 horas. As persoas interesadas deberan remitir ao CLM (clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es)) un correo sinalando os datos persoais. A oferta de idiomas así como o proceso de matrícula pode realizarse a través do web do Centro. Ofértanse en total 500 prazas en 25 cursos para estudar 17 idiomas diferentes. Así, a programación inclúe alemán, árabe, catalán, checo, chinés, eslovaco, euskera, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, polaco, portugués, ruso, xaponés, lingua de signos española e como novidade ‘English for Academical Purposes’ no Campus de Santiago e alemán, chinés, francés, inglés, portugués e lingua de signos española, no Campus de Lugo. Os cursos desenvolveranse en horario de mañá e/ou tarde entre os días 7 e 18 de xullo. A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, unha xeral de 175 euros e outra reducida para membros da comunidade universitaria de 150 euros.