Ir o contido principal

Remata o prazo de presentación de candidaturas para o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Este venres 17 remata o prazo de presentación de candidaturas á novena edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, promovido pola USC e a compañía Aresa. O gañador percibirá dez mil euros, co que se trata do galardón mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en Galicia.
O Premio Aresa pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como as iniciativas empresariais innovadoras na agricultura e a gandería de Galicia. O galardón tamén recoñece traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras na área agrogandeira, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e do benestar das persoas vinculadas ao mundo rural galego. Está organizado pola Universidade de Santiago e Aresa, unha compañía lucense que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal.
Formarán o xurado o reitor compostelán Senén Barro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; e outras dúas personalidades relacionadas co sector agrario. O ditame darase a coñecer ao longo do mes de decembre, e a entrega do galardón terá lugar en Lugo a principios do año 2009. Os rexistros dos campus universitarios de Santiago e de Lugo serán os lugares onde se deberán presentar as candidaturas, con data límite este venres 17. Para máis información sobre esta convocatoria e anteriores pódese consultar a web www.premioaresa.com.
Anteriores ediciónsAs últimas edicións do Premio Aresa suscitaron un grande interese entre a comunidade científica galega e entre o empresariado. O premio recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa, mentres que no 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudo multidisciplinar sobre a Serra do Courel. Na terceira edición distinguiuse co galardón a Aula de Produtos Lácteos de Lugo, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago.
Na cuarta convocatoria o galardón correspondeulle a José Manuel Silva Rodríguez, por entonces director xeral de Agricultura na Comisión Europea e na actualidade director xeral de Investigación da UE. O quinto premio foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o sexto para o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’, por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural. Na sétima edición valorouse a labor do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e o pasado ano distinguiuse a iniciativa empresarial de Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2008.