Ir o contido principal

Remata o programa ‘Punto e seguido’ coa actuación do coro universitario no Círculo das Artes de Lugo

O coro da USC actuará o luns 28 en Lugo e o martes 29 en Santiago acompañdo da Capela Compostelá
O coro da USC actuará o luns 28 en Lugo e o martes 29 en Santiago acompañdo da Capela Compostelá
Estará acompañado da Capela Compostelá e interpretará pezas dos séculos XVI e XVII compostas ao abeiro das catedrais construídas en América tras o Descubrimento

O programa ‘Punto e seguido’ que se veu desenvolvendo en Lugo desde o pasado día 21 chega á súa fin o luns 28 cun concerto do Coro da Universidade de Santiago de Compostela. A cita será no Círculo das Artes da capital lucense a partir das 20.30 horas, e para esta ocasión o coro estará acompañado pola instrumentación da Capela Compostelá. Baixo a dirección de Miro Moreira, no recital farase un percorrido polos compositores que desenvolveron o seu labor musical ao abeiro das catedrais construídas en América tras o Descubrimento, como Pedro Bermúdez, Juan Gutiérrez de Padilla, Juan de Lienas, Francisco López Capillas, José Vaquedano, Juana Inés de la Cruz, Gaspar Fernández, Francisco Escalada ou Francisco Céspedes. A construción de catedrais en América nos séculos XVI e XVII abriu un novo mundo de posibilidades para os músicos españois da época, moitos dos cales embarcaron cara aos territorios de Ultramar para desenvolveren alí a súa carreira. Panxoliñas, invitatorios, aleluias, salves e outras obras litúrxicas compoñen o repertorio da música relixiosa española en América, que gozou de tanto prestixio e recoñecemento como a peninsular. O coro da USC presenta como solistas as sopranos Aida López e Anna Melikhova; o alto Martín Viaño; os tenores Diego Neira e José María Ares; e o baixo Xurxo Varela. Por parte da Capelá Compostelá estarán o seu director, Francisco Luengo (viola), Hugo Kesteman (fagot), Manuel Vilas (arpa) e Juan Manuel Varela (clave e órgano). Este mesmo concerto, que leva por título ‘Nueva España. Música do período virreinal nas catedrais de México, Puebla e Santiago de Compostela’, ofrecerase o martes 29 na igrexa universitaria de Santiago de Compostela, a partir das 20.30 horas. En ambas as citas a entrada será gratuíta ata completar a capacidade dos respectivos espazos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2012.