Remata a segunda quenda dos Campus Científicos de Verán coa presentación dos traballos
O alumnado de 1º de bacharelato dos Campus Científicos de Verán 2016 remata este venres a súa estadía coa lectura en Matemáticas dos traballos de investigación logo de participar en proxectos sobre a sustentabilidade do ciclo da auga, partículas enerxéticas, hidroxeles ou matemáticas. A seguinte quenda, xa de 4º de ESO, chega o luns 18 a Santiago.
O obxectivo desta iniciativa é incentivar o acceso do estudantado a titulacións científico-técnicas e mostrarlles que o coñecemento científico é un saber integrado que se estrutura en distintas áreas e se aplica para resolver problemas fundamentais. Trátase, en suma, de transmitir experiencia científica directa así como os valores, fundamentos e procesos metodolóxicos da ciencia, conectar a vida non universitaria e universitaria e potenciar a convivencia entre estudantes de diferentes comunidades autónomas.
Esta é unha iniciativa organizada polos ministerios de Educación e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co patrocinio da Obra Social “la Caixa”.