Remata na USC a sectorial TIC da Conferencia de Reitores de Universidades españolas

A Sectorial TIC da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) deu hoxe por rematada a reunión na que celebraron a súa asemblea e unhas xornadas sobre a seguridade da información nas universidades. Este grupo específico de traballo da CRUE ten como cometido o estudo das necesidades e aplicacións destas tecnoloxías na xestión, a docencia e a investigación, propoñendo actuacións e proxectos conxuntos.
Os membros desta comisión sectorial, na súa maioría responsables TIC das universidades españolas, participaron estes dous días nunha xuntanza de traballo sobre seguridade. Na sesión deste venres Miguel Amutio, do Ministerio de Facenda e Función Pública, e Javier Candau, do Centro Criptolóxico Nacional, trataron o Esquema Nacional de Seguridade, mentres que a protección de datos de carácter persoal foui o tema que analizaron Andrés Calvo, da Axencia Española de Protección de Datos, e Vicente Andreu e Ricard Martínez, das Universidades Jaume I e Valencia, respectivamente.
As TIC nas universidades
A Comisión Sectorial de TIC da CRUE xestouse a finais de 2003 co nacemento dun grupo de traballo no seno da CRUE preocupado e sensibilizado sobre o papel que estas tecnoloxías estaban xa desempeñando nas universidades. Xa en 2007 se creou finalmente esta comisión, encargada de elaborar e publicar o informe anual UNIVERSITIC de análise das TIC nas universidades españolas.
Este documento, que xa vai polos 11 volumes, recolle, mediante a evolución dun conxunto de indicadores cuantitativos, o estado detallado do Sistema Universitario Español en relación coas TIC e ten como obxectivo a análise e planificación estratéxica das universidades españolas.