Rematou a primeira edición do proxecto ‘Unión de Canles Sociais’, con obradoiros de música para nenos e nenas de Villestro

Os obradoiros de música para nenos e nenas de entre os 7 e os 12 anos que impartiron no Local Sociocultural de Villestro catro alumnas do Grao en Mestre/a de Educación Primaria da USC remataron esta semana.
A actividade enmárcase dentro da iniciativa ‘ Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario’ financiada polo Consello Social da USC e cuxa finalidade é visibilizar de forma coordinada as diferentes accións que se realizan no departamento universitario, levando a aprendizaxe da arte fóra da aula e situándoa nun contexto social e cultural.
O proxecto xurde da necesidade de proporcionar unha atención individualizada a unha porcentaxe minoritaria do alumnado da USC que cursa a materia obrigatoria Música na Educación Primaria e que posúe un alto dominio das habilidades musicais, ofrecéndolles a posibilidade de impartir os obradoiros e así poñer en práctica os seus amplos coñecementos á vez que ofrecen un servizo á comunidade.
A súa vez, os nove nenos e nenas participantes tiveron a oportunidade de tocar diferentes instrumentos como a frauta, o clarinete, o violín, o acordeón e o teclado; bailaron danzas de diferentes partes do mundo; realizaron xogos de aproximación a distintos conceptos musicais; familiarizáronse cos instrumentos Orff e coa dirección dun pequeno grupo e tiveron a oportunidade de crear música e as súas propias composicións con instrumentos do seu entorno. En definitiva, gozaron, aprenderon e compartiron coa música.
O ciclo coordinouno a alumna de cuarto curso da Mención en Educación Musical Antía Cores, que conta cunha bolsa de colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da USC. Ademais, contou coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela a través da responsable dos Locais Socioculturais do Rural.