Rematou na USC a campaña Nais con Ilusión con máis de cincuenta madriñas e padriños

A Universidade de Santiago decidiu colaborar nestas datas co programa Nais con Ilusión da asociación Centinelas, que traballa con familias compostas por mulleres xestantes ou con crianzas en idade escolar, moitas delas monoparentais, afectadas por situacións de necesidade que as sitúan en risco de exclusión social.
A feminización da pobreza imperante na nosa sociedade trae consigo numerosos retos que é preciso abordar, aínda que sexa comezando con pequenos pasos. De aí a implicación no proxecto da USC, que entende así o seu traballo educativo como axente social; un traballo transversal do que forman parte servizos como a Oficina de Igualdade de Xénero, a de Desenvolvemento Sostible ou o Servizo de Participación e Integración Universitaria.
O feito de que esas mulleres invistan a maioría do seu tempo na procura de recursos básicos, de que sexan as responsables da educación das súas crianzas e de que prioricen o coidado e atención dos menores por riba de todo o demais explica que o seu propio benestar quede relegado a un último plano. Nais con Ilusión concrétase precisamente en que sintan que son merecedoras de recibir un agasallo, pero nesta ocasión centrado nelas mesmas, nas súas propias necesidades ou desexos.
Ao convite lanzado na Universidade hai unhas semanas responderon máis de medio cento de madriñas e padriños, entre eles a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, que esta mañá tiveron a oportunidade de reunirse coas súas afilladas para participar nun acto simbólico de entrega dos agasallos. O encontro tivo como testemuñas á vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; ás coordinadoras do proxecto Susana Mirás e Mónica Fernández Lago; e aos responsables do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Javier Agrafojo e Ernesto Gómez.
A USC pretende así pór en valor o papel das entidades do terceiro sector como elemento fundamental para a evolución e o cambio social e o que a nosa universidade, como institución educativa, desenvolve apoiando e promovendo este tipo de proxectos como algo propio da súa misión.