RENATUR_OUTES desenvolverá unha estratexia de reordenación e integración ambiental

O proxecto RENATUR_OUTES desenvolverá unha estratexia de reordenación e integración ambiental no Concello de Outes. Subvencionado pola Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e coordinado polo Centro de Estudios Euro-Rexionais de Galicia e Norte de Portugal (CEER), ten como beneficiario principal a este concello coruñés e contará coa participación activa de persoal experto da USC, UDC e UVigo, así como coa Fundación Montescola.
RENATUR_OUTES convértese nunha experiencia na que as tres universidades públicas galegas póñense ao servizo desta administración pública local. Así, desenvolveranse tamén actividades de fomento da biodiversidade asociada ao río como a xestión adaptativa de barreiras transversais, creación de illas de biodiversidade, asentamentos de coleópteros, ou propagación de fentos termófilos, entre outros. En definitiva, o proxecto persegue a meta de renaturalizar o río Tines ao seu paso por Outes.
Acometeranse tamén accións de recuperación de bosque de ribeira, eliminación de especies exóticas e invasoras, como Acacia spp ou Tradescantia fluminensis, limpezas do río e incluirá unha importante batería de accións de formación e divulgación á poboación da contorna, liderada pola Fundación CEER e o Concello de Outes, de voluntariado ambiental e de participación pública da cidadanía de Outes como actividades de ciencia cidadá, actividades de coñecemento do medio, rutas medioambientais, xornadas de plantación de bombas de biodiversidade, talleres con escolas, ou asembleas de información cidadá e participación pública, entre outros. Nesa liña, dende a coordinación do proxecto salientan que “o río é de todos e todas e é bo que poidamos coñecelo, amalo e preservalo”. O proxecto desenvólvese ata finais de 2025 cun orzamento de case un millón de euros.