Ir o contido principal

Repasarán nun curso estival o espírito científico do Seminario de Estudos Galegos no seu 90 aniversario

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2013

A Universidade de Verán súmase á lembranza do 90 aniversario do Seminario de Estudos Galegos cunha proposta que tentará avaliar “co debido rigor e identidade, as funcións, o patrimonio material e inmaterial, o valor e a significación científica do insigne Seminario”, explican os seus promotores. Deste xeito, no programa repasarase a historia interna; o elenco intelectual; o abano das súas actividades científicas; as contribucións pedagóxicas, sociopolíticas e socioculturais; así como o corpus cultural que conformaron as súas publicacións e actividades investigadoras, sen descoidar as súas relacións e intercambios con outras institucións. Baixo a dirección de Lorenzo Fernández Prieto, Camilo Fernández Valdehorras e Alfonso Mato Domínguez, o curso ‘O espírito científico do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) e a paideia cultural do galeguismo da época ‘Nós’. Esculcas de homenaxe no seu noventa aniversario’ celebrarase entre os días 2 e 5 de setembro no Paraninfo da Universidade, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e noutros lugares da memoria compostelá do vello ‘Seminario de Estudos Galegos, como o IES Rosalía de Castro, o antigo Colexio de San Clemente, o Museo do Pobo Galego e o Castro de Ortoño. Os relatorios impartiranos expertos e investigadores de Filoloxía, Historia, Xeografía, Ciencias da Educación ou Dereito das universidade de Santiago, Complutense, Porto ou Barcelona, así como estudosos/as procedentes do CSIC, do Instituto Galego de Información, da Fundación Penzol e da Academia Galega da Lingua Portuguesa, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2013.