Ir o contido principal

O repositorio de Boas Prácticas de Calidade da USC incrementa o seu fondo con novas propostas dos centros para a mellora de procesos

Estudante na biblioteca. Foto: Santi Alvite
Estudante na biblioteca. Foto: Santi Alvite
Este fondo incorporará as propostas premiadas na segunda convocatoria para o recoñecemento de Boas Prácticas de Calidade nos centros da USC

O repositorio de Boas Prácticas da USC acrecenta o seu fondo coas propostas premiadas na segunda convocatoria para o recoñecemento de Boas Prácticas de Calidade nos centros da USC. Esta iniciativa, adiada no seu momento pola irrupción da COVID-19, dá continuidade á posta en marcha o pasado ano para fomentar a cultura da calidade e recoñecer as iniciativas desenvolvidas polos centros. Trátase de propostas que achegan solucións a situacións concretas, pero que poderían ser exportables a outros centros ou contextos.

Esta segunda convocatoria contemplaba o recoñecemento de ata oito iniciativas, unha por cada grande área de coñecemento e outras tres en función dunha concorrencia entre as boas prácticas presentadas. Nesta edición resultaron recoñecidas unha proposta para a posta en valor do comité consultivo como órgano do Sistema de Garantía de Calidade (SGC) de Administración e Dirección de Empresas; a Aula Profesional da ETSE; dúas iniciativas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, en relación á Enquisa de satisfacción co Traballo fin de Grao e coa Dinamización da elección e da relación cos/as delegados/as por grupo expositivo para os graos; as actividades FiloTIC da Facultade de Filoloxía; ‘Por que estudar o Grao de Química na USC?’ da Facultade de Química; e unha proposta de sistematización e automatización do proceso de revisión de programacións docentes da EPSE. O recoñecemento na área de CC da Saúde quedou deserto ao non presentarse ningunha iniciativa.

As accións propostas debían reunir unha serie de requisitos: solucionar un problema ou contribuír á mellora continua da actividade docente e de xestión da calidade; ter completado o ciclo de planificación, implementación, avaliación, axuste e mellora; atoparse en aplicación; ser eficaz, eficiente e efectiva, ademais de sostible, replicable e innovadora; e contar con suficientes evidencias do seu desenvolvemento e eficacia.

Estas novas propostas premiadas na segunda convocatoria incorporaranse ao Repositorio de Boas Práticas de Calidade da USC. No primeiro trimestre de 2021, en función da evolución sanitaria, realizarase a entrega dos recoñecementos aos centros que, ademais, terán a oportunidade de expoñelas ao resto da comunidade universitaria nunha xornada dedicada á calidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2020.