Unha representación da USC participou en Colombia na xuntanza do Comité Técnico de RedEmprendia

Persoal da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) así como o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, en representación da USC participaron na xuntanza do Comité Técnico que RedEmprendia celebrou en Manizales (Colombia). Á xuntanza asistiron representantes de todas as universidades que conforman a rede para traballar sobre a planificación e desenvolvemento de programas de RedEmprendia como SpinWay, BoosterWe ou Landing.
Nesta reunión Manel Cotos realizou unha intervención na que deu conta do grao de desenvolvemento da nova edición de SpinWay, programa internacional que combina a tradición do Camiño de Santiago co talento, axudando a novos emprendedores universitarios a poñer en marcha as súas empresas a través dunha vivencia única que pon a proba a resistencia, coñecemento e capacidade de cooperación dos/as participantes. A edición de 2017 impúlsaa a USC en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de la Juventud para Iberoamérica (OIJ), o Instituto de Juventud (INJUVE) e o Xacobeo.
O programa da reunión incluía tamén unha visita a instalacións de innovación empresarial e diversas discusións sobre proxectos colaborativos e postas en común arredor dos grupos dedicados a Lean Canvas; Redefinición estratéxica, propiedade industrial e certificacións de calidade; internacionalización de empresas; e sobre formación en finanzas básicas para emprendedores/as.
RedEmprendia é unha rede composta por 28 universidades dos espazo iberoamericano de educación superior que ten como finalidade a promoción do emprendemento universitario de base tecnolóxica.