Ir o contido principal

Representantes no Claustro do PAS das universidades galegas únense a prol dun sistema de ensino superior público de calidade

Representantes no Claustro do Persoal de Administración e Servizos (PAS) das tres universidades galegas acaban de facer público un manifesto pola subsistencia dun Sistema Universitario Galego público, actualmente sometido na súa opinión “á precariedade financeira e intervido na súa autonomía”. O texto presentado este mércores aos medios de comunicación ten como principais aspectos o financiamento, os cadros de persoal das institucións universitarias e a autonomía universitaria. No documento os claustrais fan un chamamento aos órganos de goberno universitario, aos reitores e ao conxunto do persoal para a realizar unha “reflexión sobre a universidade que necesita o país, que asumamos a responsabilidade de pensar e defender a universidade pública galega a medio e longo prazo”. Ademais de instar á reclamación dun “ financiamento que lles permita sobrevivir” ás universidades galegas, este colectivo de claustrais avogan por acadar unha “posición de unidade, marcándose como obxectivo prioritario harmonizar a posición unitaria das mesmas” orientada a reforzar “unha posición ética do Sistema Universitario Galego” fronte as políticas que perseguen cambiar o modelo universitario público e de prestixio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2015.