Ir o contido principal

Representantes de quince universidades de China, Rusia, Xeorxia e Kazajistán coñecerán as iniciativas da USC en emprendemento

A través dun curso que se celebra entre o luns e o mércores próximo no edificio Emprendia

Organizado polo Servizo de Relacións Exteriores e a Área de Valorización e Transferencia da USC, os vindeiros días 27, 28 e 29 terá lugar un curso de capacitación sobre boas prácticas europeas na constitución de spin-offs no Edificio Emprendia. É unha actividade formativa financiada polo programa Erasmus+ e enmarcada dentro do proxecto UNISON, coordinado pola USC, para o establecemento de vínculos científicos e comerciais entre institucións de ensino superior e o eido empresarial a través de spin-off. O programa contará coa asistencia de 35 representantes procedentes de quince universidades de China, Rusia, Xeorxia e Kazajistán.

O evento terá lugar no Edificio Emprendia e o acto de benvida será a cargo do Xefe do Servizo de Relacións Exteriores, Enrique López Veloso. Esta formación, que tentará transmitir a experiencia da USC neste eido, versará sobre os mecanismos implicados no desenvolvemento de spin-off universitarias, boas prácticas para a transferencia e comercialización do coñecemento e a tecnoloxía, profundando ademais en nocións de propiedade intelectual e creación de empresas.

A reunión incluirá mesas redondas e visitas aos centros singulares de investigación da USC CIMUS e CITIUS, e a spin-offs en fase de incubación (HGBeyond, Dart e Situm). O terceiro e último día os participantes visitarán o Campus Terra, incluíndo a Aula de Produtos Lácteos e PEMADE, achegándose máis tarde á spin-off Innolact.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2017.