Representantes da Universidade Fernando Pessoa-Canarias interésanse no sistema administrativo e de xestión da USC
O secretario xeral da Universidade Fernando Pessoa-Canarias, o ex alumno da USC Antonio Rodríguez Pérez, e a coordinadora administrativa desa universidade, Desiree Fuentes Andueza, visitaron a USC para coñecer o seu sistema administrativo e de xestión. O vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, recibiunos no seu despacho onde ademais falaron da posibilidade de establecer programas de mobilidade de docentes e investigadores entre ambas institucións.
A Universidade Fernando Pessoa-Canarias é unha universidade privada de nova creación con sede en Santa María de Guía, en Gran Canaria. Actualmente imparte as titulacións de Enfermaría, Psicoloxía e Nutrición.