A residencia ‘Bal y Gay’ acolle este martes a presentación das actividades de voluntariado programadas no campus de Lugo
A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria organiza este martes 20 de outubro, a partir das 21.00 horas, no salón de actos da residencia universitaria Jesús Bal y Gay de Lugo, unha sesión informativa aberta para dar a coñecer as actividades de voluntariado no campus de Lugo a todos os membros da comunidade universitaria interesados.
A sesión contará coa colaboración de tres persoas convidadas, que relatarán varias historias que os asistentes deberán descubrir se se trata de relatos reais ou imaxinarios. Ao remate da xornada, as persoas asistentes poderán realizar todas consultas á responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria no campus de Lugo, Fátima Teixeiro, preguntas relativas tanto ao desenvolvemento de actividades de voluntariado e de participación social ou tamén outras cuestións relativas ao recoñecemento académico (6 ECTS optativos) deste tipo de actuacións. Curso de iniciación ao voluntariado e a cooperación O campus de Lugo oferta unha modalidade semipresencial para realizar un curso de iniciación ao voluntariado e a cooperación. Este programa formativo está estruturado en nove bloques de contidos que o alumnado realiza de xeito autónomo no campus virtual. Tras coñecer o punto de vista teórico, o proceso formativo complétase coas sesións de titoría presencial centradas nas experiencias de voluntariado. A programación destas titorías desenvólvese na sede universitaria luguesa os luns, en horario de 10.00 a 14.00 horas, aínda que este horario inicialmente previsto é adaptable ás necesidades do alumno/a sempre que o solicite previamente. As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición neste curso de iniciación ao voluntariado para completalo ao longo do primeiro semestre do curso académico 2015-2016 deben inscribirse antes do 15 de novembro. Pódese consultar o programas do curso no seu espazo web ou a través do teléfono 982 823 594.