Ir o contido principal

A residencia ‘Bal y Gay’ súmase á ‘Operación Quilo’ coa apertura dunha campaña de recollida de alimentos

Residencia universitaria Jesús Bal y Gay
Residencia universitaria Jesús Bal y Gay

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC vén de por en marcha a súa particular ‘Operación Quilo’ coa apertura dunha campaña de recollida de alimentos, aberta tanto á participación de membros da comunidade universitaria como ao resto da poboación.

Esta campaña solidaria, promovida pola dirección da residencia universitaria ‘Bal y Gay’ en colaboración cos bolseiros de Sociocultura e Internacionalización, permanecerá aberta ata o vindeiro 18 de decembro, data ata a que as persoas interesadas en participar nesta iniciativa altruísta poden deixar alimentos doados nas instalacións do citado centro universitario lugués, no que se habilitará un espazo para recoller os alimentos non perecedoiros. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, os promotores desta campaña de recollida de alimentos recomendan que as doazóns feitas se correspondan con alimentos que conteñan menos dun 12% de auga, tales como legumes, pasta, arroz, mel, galletas, sal, azucre, froitos secos, conservas... Todos os víveres recollidos no marco desta campaña entregaranse ao Banco de Alimentos de Lugo, que se encargará da súa posterior distribución a familias ou persoas necesitadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2015.