A residencia Jesús Bal y Gay celebra este martes varios actos co gallo do Día para a eliminación da violencia contra as mulleres
A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC adianta a este martes a celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres coa organización de diversos actos conmemorativos, que se desenvolverán a partir das 21.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués. A vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abrirá esta sesión de carácter conmemorativo e reivindicativo, na que tamén intervirán a directora da residencia ‘Bal y Gay’, Paula Vázquez, e a co fundadora da asociación Bonhomía, Fanny Sánchez, que ofrecerá o relatorio co título ‘Violencia contra a muller. Contos con final feliz?’. A responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria no campus de Lugo, Fátima Teixeiro, tamén intervirá neste acto, durante o que se procederá á entrega dos premios ás persoas que se resultaran gañadoras da segunda edición do concurso de lemas contra a violencia de xénero, un certame organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC.