A residencia Jesús Bal y Gay promove unha nova campaña solidaria de recollida de víveres para o Banco de Alimentos

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo vén de lanzar unha nova campaña de recollida de víveres a prol do Banco de Alimentos de Lugo. As persoas interesadas en participar neste campaña solidaria poderán facer as súas respectivas doazóns ata o 18 de marzo nas instalacións do centro universitario lugués, onde se habilitará un espazo para a recollida de alimentos.
O obxectivo desta iniciativa, promovida desde a dirección da residencia universitaria Jesús Bal y Gay en colaboración cos bolseiros de Sociocultura e Internacionalización, é a recollida da maior cantidade posible de víveres non perecedoiros, que logo serán entregados ao Banco de Alimentos de Lugo para a súa posterior distribución ás persoas necesitadas. Os promotores desta campaña de recollida de alimentos non perecedoiros recomendan contribuír á iniciativa coa doazón de alimentos que conteñan menos dun 12% de auga, tales como legumes, pasta, arroz, galletas, mel, sal, azucre, froitos secos, fariña..., a fin de garantir a boa conservación dos mesmos e evitar así o deterioro dos produtos recollidos.