Ir o contido principal

A residencia universitaria Monte da Condesa celebra una ano máis a Quincena das Artes

Un ciclo de literatura e cinema, roteiros de sendeirismo, competición deportivas e de lecer, sesións de contacontos, recitais poéticos, representación teatrais ou un concurso de fotografía poética son algunhas das propostas deseñadas pola Residencia Universitaria Monte da Condesa para a súa Quincena das Artes, que comezará este xoves 15 e estenderase ata o día 29 de maio.
O programa de actividades botará a andar este xoves 15 a partir das 16:00 horas co desenvolvemento do Fotomaratón Dixital 2008 por toda a cidade de Compostela. Xa ás 20:00 horas na Sala de Ocio da Residencia, celebrarase a primeira proxección do ciclo de literatura e cinema co visionado de La colmena. O primeiro día de actividades rematará cunha sesión de karaoke na Sala da Columna.
O lapis do carpinteiro é o título elixido para a segunda xornada do ciclo de literatura e cinema, o venres, nunha sesión prevista para ás 16:00 horas na Sala de Ocio. Na fin de semana desenvolveranse dúas novas iniciativas, o sábado un roteiro de sendeirismo sobre ‘As letras camiño do Pedroso’, a partir das 17:00 horas, e un concurso de monólogo o domingo 18, dende as 22:30 horas na Sala de Ocio.
Para a vindeira semana está previsto o inicio de novas actividades como un torneo interuniversitario de ping-pong, o luns 19 e o martes 20, unhas xornadas de paint-ball, busca do tesouro e un torneo de buscaminas, unha foliada na Carballeira de San Lourenzo, prevista para o xoves 22, e as noites musicais da Condesa co concerto de Pablo Costas. Ademais o mércores 21 remata o prazo de entrega de traballos para o concurso de Fotografía Poética 2008 e o venres 23 para o de Arte e Natureza. Nesta mesma semana tamén proseguirán as sesións do ciclo de literatura e cinema, coa proxección de Martes de carnaval e Trece Badaladas, ao que se lle sumará un maratón de cinema e violencia, o xoves 22 ás 16:00 horas.
As semifinais do Campionato Liga das Estrelas será a actividade que abra a programación da semana do 26, ao que se lle sumarán dúas representacións teatrais, unha sesión de contacontos, unha xornada de cinema ao aire libre proxectando Grind House, e o concerto X Edición do Rumcstock, que pechará o ciclo de actividades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2008.