Ir o contido principal

Resolta a oitava convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións

En total, a esta convocatoria presentáronse 16 investigacións que abordaban a Ruta Xacobea dende múltiples enfoques. FOTO: Santi Alvite
En total, a esta convocatoria presentáronse 16 investigacións que abordaban a Ruta Xacobea dende múltiples enfoques. FOTO: Santi Alvite
Ao abeiro desta iniciativa, desenvolveranse estudos sobre a autenticidade dixital da Ruta Xacobea, as transformacións socio-territoriais que xera, así como as peregrinacións militares no século XX
Santiago de Compostela

A oitava convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións acaba de outorgar financiamento a tres proxectos que abordan a Ruta Xacobea dende diversas perspectivas. Así, o profesor da Facultade de Filosofía da USC, Diego Allen-Perkins Avendaño, profundará en como os peregrinos contemporáneos constrúen e perciben a autenticidade da súa experiencia nunha contorna cada vez máis mediada por tecnoloxías dixitais. Pola súa parte, a profesora da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Lucrezia Lopez, tratará as novas dinámicas xeradas polo Camiño, identificará as transformacións sociais, económicas e territoriais e avaliará o papel do Camiño no desenvolvemento rural sostible. Ademais, o profesor da Universidade de Vigo, Luis Velasco Martínez, tamén desenvolverá, ao abeiro desta convocatoria, unha investigación sobre as peregrinacións militares a Santiago de Compostela durante o século XX, cun enfoque especial no período franquista e na súa continuidade durante a transición democrática. 

Entre sendas e algoritmos

Baixo o título ‘Entre sendas e algoritmos: autenticidade dixital e peregrinación no Camiño 2.0’, Diego Allen-Perkins Avendaño centrarase no fenómeno da “autenticidade dixital” no contexto do Camiño de Santiago. O estudo analiza as interaccións entre as vivencias físicas do Camiño e as narrativas e prácticas dixitais (redes sociais, blogs, aplicacións de viaxe ou plataformas colaborativas) que os peregrinos utilizan para planificar, documentar, compartir e lembrar a súa viaxe. “A través dun enfoque etnográfico e entrevistas cualitativas, o proxecto busca comprender como esta interacción redefine a procura de autenticidade, a introspección persoal, as relacións sociais e a conexión co patrimonio cultural e natural do Camiño na era dixital”, explica o investigador. A investigación procura achegar unha comprensión específica deste fenómeno, contribuíndo aos debates contemporáneos sobre a autenticidade na experiencia de viaxe, o impacto da dixitalización na cultura e a (re)configuración dos rituais na sociedade hiperconectada.

Transformacións socio-territoriais

No proxecto titulado ‘O Camiño de Santiago e o Renacemento do Mundo Rural. Estudo e análise das novas dinámicas e transformacións socio-territoriais’, Lucrezia Lopez, tamén directora do Centro de Estudios e Investigacións Turísticas (CETUR), constatou que nos estudos xacobeos con enfoque territorial existe unha carencia na análise das novas dinámicas e transformacións socio-territoriais que xera o Camiño, no estudo dos novos perfís de peregrinos e na adaptación dos territorios rurais a esta nova realidade. “Estas transformacións reflíctense en cambios demográficos, económicos e simbólicos nos espazos rurais, indicando unha posible multifuncionalidade do medio rural vinculado ao Camiño”, explica. A hipótese de partida para a investigación financiada pola Cátedra do Camiño é que a Ruta Xacobea está a actuar como axente dinamizador e responsable dun “certo Renacemento de determinadas áreas rurais galegas”. O proxecto empregará unha metodoloxía mixta que combina técnicas de investigación cuantitativa e cualitativa para captar tanto os procesos obxectivos como as percepcións e representacións sociais asociadas ao impacto do Camiño de Santiago no novo mundo rural. 

Peregrinacións militares

Luis Velasco Martínez desenvolverá o estudo ‘Marchando a Santiago: as peregrinacións militares a Compostela no século XX. Relixión, identidade nacional e proxección exterior nos exércitos españois’. Este proxecto profundará neste tipo de peregrinacións durante a etapa de transición á democracia e mais no Franquismo, alén de atopar antecedentes na etapa republicana, primorriverista e da monarquía de Alfonso XIII. A investigación busca identificar, clasificar e interpretar estas peregrinacións desde o punto de vista histórico, simbólico e político, poñendo o foco “no seu uso como ferramenta cohesionadora e proxección exterior do exército español”, subliña o investigador. “A figura de Santiago como patrón de España e das unidades de cabalería foi instrumentalizada polos mandos militares para reforzar a identidade católica dos recrutas, especialmente a partir da popularización dos anos santos composteláns desde mediados do século XX”, engade. A investigación prestará atención aos antecedentes do fenómeno, ao papel do Apostolado Militar Castrense e á dimensión internacional dalgunhas destas peregrinacións, buscando localizar as orixes da popularización fóra de España da idea da peregrinación a Compostela como “unha forma de construír unha identidade europea compartida”. A partir de fontes bibliográficas, documentais e orais, o proxecto contribuirá ao coñecemento dun aspecto pouco explorado da historia das peregrinacións compostelás, salientando a súa dimensión institucional, militar e transcendencia internacional durante o século XX.

Colaboración institucional

Cada un dos proxectos recibirá unha axuda de 4.000 euros. En total, a esta convocatoria presentáronse 16 investigacións que abordaban a Ruta Xacobea dende múltiples enfoques. A iniciativa foi lanzada pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxo nacemento é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2025.