Ir o contido principal

Resolta a primeira edición do certame ‘Vémolo nós’

Cartel do certame
Cartel do certame
O Servizo de Normalización Lingüística da USC busca promover a través desta iniciativa a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica
Lugo, Santiago de Compostela

Alejandro Gómez Pazo, Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín son as persoas gañadoras da primeira edición do certame ‘Vémolo nós’ co que o Servizo de Normalización Lingüística da USC busca promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica.

Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. Nesta mesma modalidade foron finalistas ‘Os maios en Galicia’ de C. Fernández Losada e E. Losada Fernández; e ‘Camuflaxe vs mimetismo’ de M. García Amado e I. Pérez Sánchez.

‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Ademais, resultaron finalistas ‘Manuela Barreiro Pico. A historia da primeira licenciada da USC’ de Carmen Villaverde Nartallo e Iria Peniza Rodríguez; e ‘Descubrindo o Colexio Fonseca’ de Xosé Ramón Cisneros Pérez.

Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’. O traballo gañador en cada unha das categorías recibirá un total de 1.500 euros. O xurado estivo composto por Manuel C. Núñez Singala (presidente), Castor Méndez Paz, Elena Vázquez Cendón, Otilia Reyes Ferreiro e  Manuel Bermúdez Blanco (secretario). O número de vídeos presentados nesta primeira edición foi de 22. Os traballos gañadores e finalistas poden verse na páxina oficial do certame.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2023.