Resolta a sétima edición do certame para subtitular ao galego charlas TED de ciencias da saúde

Sandra Mariño Cortegoso obtivo o primeiro premio na sétima edición do certame para subtitular ao galego charlas TED de ciencias da saúde. Mariño Cortegoso foi premiada polos subtítulos de ‘Como afecta o que comes ao teu intestino’, elaborados para o vídeo ‘How the food you eat affects your gut’, de Shilpa Ravella. A galardoada que competiu na categoría específica para a comunidade universitaria da USC, recibirá 300 euros e o correspondente diploma honorífico. Os traballos premiados poden verse nesta ligazón.
Tamén na categoría de participantes da USC, o segundo premio, dotado con 250 euros, foi para Inés Rodríguez Chas, polos subtítulos ‘Que é a esquizofrenia?’, elaborados para o vídeo ‘What is schizophrenia?’, de Anees Bahji. Daniel López Fernández, polos subtítulos ‘A misteriosa ciencia da dor?’, elaborados para o vídeo ‘The mysterious science of pain’, de Joshua W. Pate, foi distinguido cos 200 euros do terceiro premio; mentres que o cuarto galardón de 150 euros foi parar a Inés Rodríguez Chas, polos subtítulos ‘Osperigos de mesturar fármacos’, elaborados para o vídeo ‘The dangers of mixing drugs’, de Céline Valéry.
Na modalidade para participantes alleos á USC, gañou Lucía Campillo Rey, polos subtítulos ‘Como a medicina ARNm cambiará o mundo’, elaborados para o vídeo ‘How mRNA medicine will change the world?’, de Melissa J. Moore, dotado con 300 euros
TED é unha organización sen ánimo de lucro, dedicada ás "ideas que merecen ser difundidas", coñecida mundialmente polas súas charlas (TED Talks), que cobren un amplo espectro de temas que vai dende as ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, ou negocios, ata asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer, entre outros. “Para difundir esas ideas, TED promove que estas se subtitulen a cantas máis linguas, mellor”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Dada a escaseza de contidos divulgativos sobre ciencias da saúde en galego, as comisións de normalización lingüística das facultades que imparten titulacións desta área de coñecemento (Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria) organizan o concurso #TEDSaúde, que invita á comunidade da USC e ao público en xeral a subtitular ao galego charlas TED de ciencias da saúde.