Ir o contido principal

Resolto o concurso de proxectos do novo centro de Ciencias da Saúde da USC

A fórmula de implantación elixida fragmenta a dotación en volumes independentes
A fórmula de implantación elixida fragmenta a dotación en volumes independentes
O Aulario de Farmacia, no que se centra a primeira fase do proxecto, comezará a construírse en xuño de 2024, unha vez cumpridos os 18 meses estipulados para a redacción do proxecto, traballo que comezará nas próximas semanas. A proposta da UTE composta por OIKOS Estudio SLP, Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín resultou a gañadora no concurso
Santiago de Compostela

A creación do novo centro de Ciencias da Saúde da USC avanza conforme ao previsto coa resolución do concurso de proxectos que tivo lugar este luns 21, no Colexio de San Xerome. Tras a valoración e votación do informe da comisión técnica onde se valoran as propostas candidatas, resolveuse que o primeiro premio do concurso recaese na proposta identificada co lema VUELO609, e que pertence á UTE composta por OIKOS Estudio SLP, Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín.  

A partir de agora, prevese un prazo de 18 meses para a redacción do proxecto da primeira fase que arrancará co Aulario de Farmacia, cunha superficie estimada de 11.918m2 e cuxa previsión de comezo de obras sitúase en xuño de 2024. Nesta fase tamén se inclúe unha central de biomasa para dar servizo ao novo edificio e ás edificacións próximas. Outras fases contempladas no proxecto son o Aulario de Enfermaría (4.604m2), espazos de investigación (2.890m2), e máis de 7.000m2 ampliables e destinados ao aparcamento, o que permitirá liberar superficie ocupada por vehículos potenciando os novos modelos de desenvolvemento peonil do campus.  

Equipo gañador

O proxecto gañador está asinado por Jorge Salgado Cortizas, Celso López Martín, Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez. Salgado Cortizas e López Martín foron tamén os autores da proposta gañadora do concurso de ideas para o deseño da Cidade de San Caetano; do primeiro premio no concurso de ideas para a ordenación urbanística do ámbito de La Panificadora, no Casco Vello de Vigo; alén de acadar a primeira posición  no concurso para a redacción do proxecto e dirección das obras dun centro de saúde en Anafáns-Poio (Pontevedra). Pola súa banda, Alfredo Feixedo Alemparte é autor da rehabilitación do Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil.

Modularidade e adaptación á contorna

A proposta gañadora destaca pola “coherencia da súa solución, fundamentada na correcta comprensión e análise das necesidades descritas nos pregos e no atinado diagnóstico dos principais problemas que se deben resolver. Unha idea ben definida de proxecto, formalizada con claridade, permítelle solucionar de forma sintética os requisitos da USC”, subliña o ditame do xurado.

A fórmula de implantación elixida fragmenta a dotación en volumes independentes. Esta estratexia identifica e asigna de forma clara os espazos de cada área funcional, ben adaptada á división en volumes. Ademais, propón unha execución por fases “extremadamente conveniente”, incluíndo a posibilidade dunha execución parcial da fase 1, prioritaria para a USC, tal e como se mencionaba nas bases do concurso.

Tamén se valora moi positivamente a calidade do proxecto urbano no que destaca o control das medidas e da escala dos volumes, así como o feito de que a articulación entre eles soluciona a transición entre as tramas urbanas. A UTE gañadora propón unha imaxe “clara e lexible” desde Avenida Mestre Mateo “sen crear tensións ou espazos residuais, sobre todo en relación co edificio Emprendia”. Valórase tamén a proporción de espazo baleiro en relación co edificado, cunha proposta de urbanización branda, que se prevé de gasto contido e acorde á fragmentación volumétrica do proxecto. Tamén é un valor positivo da proposta a redución do impacto do tránsito rodado e a énfase nas circulacións peonís máis frecuentes.

Tamén destaca a claridade organizativa das áreas funcionais así como as proporcións e conexións entre elas. “Resolve de forma sinxela e efectiva os requisitos de flexibilidade de uso dos espazos para as aulas, convertendo requirimentos como o aloxamento dos tabiques pregables en oportunidades expresivas na formalización da fachada”, afirma o ditame. A estrutura e a distribución das instalacións “é clara, organizada mediante plantas técnicas independentes, que facilitan o trazado das redes”. A decisión de independizar o volume destinado a laboratorios achega vantaxes funcionais, económicas e de seguridade.

Esta mesma coherencia advírtese no tratamento dos aspectos relacionados coa sustentabilidade, “cunha decisión lóxica de orientación dos espazos acorde aos usos”. Tamén destaca neste ámbito a proposta de cubertas axardinadas e a dimensión xenerosa das zonas verdes, consecuencia da reducida ocupación da parcela. Segundo o xurado, o proxecto gañador tamén se diferencia claramente do resto das propostas no que se refire á súa coherencia económica. “Elixe materiais e sistemas sobradamente probados que favorecen o control da execución e permiten anticipar os custos sen xerar dúbidas razoables”, sinala o ditame.

Finalmente, cómpre destacar que a idea que articula o proxecto mantense de forma coherente en todos os aspectos da proposta sen que se advirtan solucións dispares ou operacións alleas á lóxica das intencións iniciais. “Este apego á súa idea forza convértea nunha proposta nítida e depurada, tanto na súa formulación inicial como na súa formalización e execución”, conclúe o ditame. Proximamente os detalles da proposta gañadora serán presentados nun acto dirixido ao conxunto da comunidade universitaria.

Xurado

O xurado, presidido polo xerente Javier Ferreira, estivo composto por Francisco Otero Espinar, decano da Facultade de Farmacia; Ana Isabel Silveira Rodríguez, decana da Facultade de Enfermaría; Fernando Tabernero Duque, arquitecto, director da Área de Arquitectura e Urbanismo da USC; Laura Fidalgo Soto, Sonia Vázquez Díaz e María del Carmen García González, arquitectas, designadas por proposta da USC; Vicente Pintos Santiago e José Antonio Vázquez Martín, arquitectos, designados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG); Enrique Seoane Prado, arquitecto, designado polo Concello de Santiago de Compostela; María González Ferro, arquitecta, designada polos concursantes; e Xosé Antonio Rubal López, secretario do xurado.

Convocatoria

O concurso contemplaba tres premios dotados con 30.000, 15.000 e 7.500 euros, respectivamente; e dous accésits de 4.000 e 3.500 euros. Co equipo promotor da idea gañadora asinarase un contrato de servizos que inclúe o estudo de detalle previo para adaptar a proposta gañadora ás prescricións do PXOM do Concello de Santiago de Compostela, o proxecto básico e de execución, e a dirección de obra de arquitecto. O importe para este contrato de servizos ascende a 1,7 millóns de euros.

O segundo premio foi para a proposta identificada co lema ROMORES DA SIUDÁD, e o terceiro recaeu en TERRA010. O primeiro accésit distinguiu a proposta identificada co lema 321AGORA e o segundo foi para ABCDE678.

Tamén se valora moi positivamente a calidade do proxecto urbano no que destaca o control das medidas e da escala dos volumes, así como o feito de que a articulación entre eles soluciona a transición entre as tramas urbanas
Tamén se valora moi positivamente a calidade do proxecto urbano no que destaca o control das medidas e da escala dos volumes, así como o feito de que a articulación entre eles soluciona a transición entre as tramas urbanas
Intre no que se deu a coñecer a proposta gañadora. FOTO: Santi Alvite
Intre no que se deu a coñecer a proposta gañadora. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2022.