Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística na modalidade de traballos académico

Héctor Paleo Paz, estudante de 3º curso do grao en Historia, e Rubén Iglesias Seoane, de 4º do grao de Mestre en Educación Primaria, son os gañadores dos XIV Premios á Calidade Lingüística na súa modalidade de traballos académicos, dotados con senllos premios en metálico de 150 euros e diploma. Héctor Paleo concorría á convocatoria co traballo ‘A recepción do Dereito Romano nos reinos medievais hispánicos e a súa influencia na cristalización da Monarquía’ e Rubén Iglesias con ‘Revolucionar a escola para cambiar o mundo’. O xurado decidiu declarar desertos os premios correspondentes ás áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría. A súa acta está dispoñible na web do Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Os galardóns entregaranse oficialmente nun acto académico oficial a principios do vindeiro ano.
A de Traballos académico é a primeira modalidade desta edición dos Premios á Calidade Lingüística da que se emitiu ditame. O prazo para presentarse ás outras dúas modalidades, a dos Traballos Fin de Mestrado e de Fin de Grao ou Fin de Carreira, remata este martes 2 de outubro. Cómpre facelo nos rexistros da USC ou envialo correo certificado, segundo as bases.
Á convocatoria de ‘Traballos académicos’ presentáronse cinco propostas. En opinión do xurado, persoal técnico do SNL, “as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias, á vista dos traballos presentados”.
Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño ou a coherencia, en lingua galega.