Ir o contido principal

Resolven en Santiago de Compostela un dos problemas matemáticos máis importantes do milenio

Carl C. Cowen e Eva Gallardo. Foto: Alfonso-Servimav
Carl C. Cowen e Eva Gallardo. Foto: Alfonso-Servimav
Carl Cowen e Eva Gallardo anunciaron a solución ao problema do subespazo invariante de John von Neumann na Universidade de Santiago de Compostela, no encontro bianual da Sociedade Matemática Española...

Os profesores Carl C. Cowen, da Universidade West Lafayette (Estados Unidos), e Eva Gallardo, da Complutense de Madrid, elixiron o congreso bianual da Real Sociedade Matemática Española (RSME) que se desenvolve esta semana na Universidade de Santiago de Compostela (USC) para anunciar a resolución do problema dos subespazos invariantes en espazos de Hilbert, un dos problemas abertos de maior notoriedade científica internacional. Fixérono no transcurso dunha multitudinaria rolda de prensa na que, xunto aos dous científicos, participaron tamén o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González García; a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar; o presidente da RSME, Antonio Campillo, e o profesor da USC e presidente do comite organizador do Congreso, Enrique Macías. Formulado nos anos 30 por John von Neumann -o gran matemático húngaro–americano participante no Proxecto Manhattan e autor, entre outras, da coñecida Teoría dos Xogos-, moitos matemáticos consideran que debería formar parte da lista dos ‘sete problemas do milenio’ elaborada polo Instituto Clay de Matemáticas de Cambridge. Tras tres intensos anos de traballo, Cowen e Gallardo resolveron que o enunciado formulado hai case un século era certo, isto é, que todo operador nun espazo de Hilbert posúe un subespazo invariante non trivial. Para a súa resolución, explicou Gallardo, abordaron o problema desde a teoría de funcións de variable complexa, “unha perspectiva diferente á habitual que quizais nos deu a clave”. O impacto na comunidade matemática mundial do anuncio, presentado na USC con gran emoción polos dous expertos, “vai ser inmediato e de enorme transcendencia”, indicou o presidente da RSME, en tanto que non só supón unha importante contribución á ciencia básica senón que vai ter aplicacións prácticas en múltiples campos. A nova investigadora Eva Gallardo, titulada pola Universidade de Sevilla, desenvolveu a súa actividade profesional nas universidades de Cádiz, Zaragoza e actualmente na Complutense. Pola súa banda, Carl Cowen, que entre 2005 e 2007 presidiu a Asociación Matemática Americana, traballou nas de Illinois en Urbana-Champaign e Purdue. Os dous expertos reservaron esta noticia de alcance mundial para ser comunicada neste congreso, algo que Campillo lles agradecía publicamente de maneira moi emocionada. De esquerda a dereita, Enrique Macías, Victoria Otero, Francisco González, Antonio Campillo, Eva Gallardo e Carl C. Cowen. Foto: Alfonso-Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2013.