Resonet inaugura o mércores o ciclo ‘O órgano da Igrexa da Universidade, doutra maneira’
O órgano da Igrexa da Universidade volverá resoar esta semana na procura de afinidades con outras formas de expresión artística como a danza ou a literatura no ciclo ‘O órgano da Igrexa da Universidade, doutra maneira’. Será o grupo Resonet o encargado de inaugurar o ciclo este mércores, 13 de outubro, coa estrea dun novo proxecto que recrea o ambiente que debeu caracterizar unha festa relixiosa barroca recorrendo a xoguetes de fogo, paxaros sonoros, danzas e sons que interpretará a soprano Mercedes Hernández. Ademais, acompañarán a este relato musical dous bailaríns do grupo tradicional Ultreia. O obxectivo é impresionar aos oíntes no plano emotivo, espacial e, naturalmente, sonoro recreando a esencia do Barroco. Todos os concertos serán na Igrexa da Universidade ás 20:30 horas. A Resonet séguenlle o día 19 o recital ‘Á teclas! Entre a improvisación e o virtuosismo’ con danzas europeas dos séculos XVI, XVII e XVIII co organista Michael Behringer e Marco Ambrosini á gaita renacentista, e un recital poético o día 26 no que se darán cita Marilar Aleixandre, Ana Romaní, Dores Tembrás e Eva Veiga.