Ir o contido principal

O responsable do grupo NanoSciences do CEMES-CNRS imparte unha conferencia no CiQUS dedicada a novos métodos de síntese sobre superficies

O responsable do grupo NanoSciences do CEMES-CNRS en Toulouse (Francia), André Gourdon, visitará este venres 1 de febreiro o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS), onde impartirá ás 12.15 horas a conferencia ‘Covalent coupling on surfaces in UHV’ (Enlaces covalentes sobre superficies en ultra baleiro). Alternativa á síntese convencional O acoplamento covalente sobre superficies por parte de precursores orgánicos para formar moléculas estables 0D, 1D ou 2D revelouse nos últimos cinco anos como unha vía de gran potencial para sintetizar dispositivos moleculares difíciles ou imposibles de preparar en solución. Ata agora, esta técnica limitouse a superficies metálicas ou películas illantes sobre metal e permitiu, por exemplo, para obter oligómeros de porfirina 1D e 2D ou cintas de nanografeno, entre outros. Tendo en conta os resultados recentes neste campo, os investigadores deste campo consideran que agora é posible propor mecanismos de acoplamento e discutir as posibilidades e limitacións desta estratexia. Para a electrónica molecular ou aplicacións de óptica molecular, a extensión desta técnica é un importante obxectivo. O grupo de Nanociencias (GNS) que dirixe o profesor Gourdon é un equipo multidisciplinar formado por corenta investigadores e técnicos, cuxo obxectivo é a exploración das propiedades materiais a escalas nanométrica/picométrica, inventando e estudando novos dispositivos moleculares. O grupo desenvolve vías de síntese cara estas “ nanomáquinas”, buscando os seus límites físicos e químicos, abrindo novos camiños para describir as propiedades do medio intramolecular. Tamén desenvolven ferramentas tecnolóxicas para a máxima miniaturización de ordenadores e micro robots.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2013.