Ir o contido principal

Responsables de empresas consolidadas e emprendedores de prestixio compartirán a súa experiencia con universitarios

O ciclo 'Emprendendo en tempos de crise' trae a Compostela ao fundador de Coronel Tapiocca

Entre os días 27 e 30 os alumnos da Aula de Práctica Empresarial da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora terán a oportunidade de debater e compartir experiencias con responsables de empresas consolidadas e de éxito nun ciclo no que analizarán o emprendemento en tempos de crise. O martes 28 contarase coa presenza do fundador e presidente de Coronel Tapiocca ata 2006, Roberto Alcalde, considerado hoxe un dos principais expertos de España en cuestións relacionadas co emprendemento.
Trátase de que os profesionais lle expliquen aos universitarios o proceso de creación e posterior evolución da empresa, achegando a súa visión da actual situación de crise e de cómo afecta ao seu sector en xeral e á súa empresa en particular.
As conferencias estruturaranse en catro bloques nos que se analizarán outros tantos modelos de negocio emprendedor. Así, o luns 27 tratarase o de base tecnolóxica, o martes o de sectores tradicionais, continuando o día 29 co de base social e, xa por último, o xoves o emprendemento na empresa familiar.
De base tecnolóxicaA sesión do luns 27 será de achegamento ao mundo do emprendemento derivado dos proxectos científicos desenvolvidos na universidade. Na transferencia do coñecemento xerado neste ámbito moitas destas investigacións culminan coa creación dunha empresa de base tecnolóxica (EBT) de orixe académico, coñecida como spin-off.
Para ilustrar esta clase de empresas a Cátedra convidou a dar unha charla, ás 11:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a Ana Álvarez Enríquez, xerente de Recursos Humanos de Coremain, empresa que achega solucións e produtos relacionados coas novas tecnoloxías que axudan a adoptar estratexias de crecemento acordes coas esixencias que demandan os novos escenarios económicos globais.
Logo da súa charla terá lugar unha mesa redonda coa emprendedora María Estévez Forneiro, promotora de Nutriup; e os emprendedores Carlos Chaves González, director de comunicación de OnTouch, e Iago Elizechea e Ricardo Vila, promotores de Teimas. Modera o debate a directora do Programa Woman Emprende da USC, Eva López.
Seguintes sesiónsNo resto das xornadas desenvolverase diversas mesas redondas nas que participarán responsables de empresas como Monbus, Caeiro ou Ciencia Divertida, pasando por grupos de medios de comunicación e de hostalaría.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2009.