Ir o contido principal

Responsables das ensinanzas superiores de Matemáticas en España analizan o estado actual da disciplina

De esquerda a dereita, a decana de Matemáticas, Victoria Otero Espinar; o reitor da USC, Juan Viaño Rey; e a presidenta da CDM, Carme Cascante Canut
De esquerda a dereita, a decana de Matemáticas, Victoria Otero Espinar; o reitor da USC, Juan Viaño Rey; e a presidenta da CDM, Carme Cascante Canut
Na XV Conferencia de decanos, decanas, directores e directoras de Matemáticas que ten lugar en Santiago

As autoridades académicas das universidades españolas, de institucións relacionadas coa educación e investigación e de sociedades vinculadas coas matemáticas danse cita estes xoves 23 e o venres na USC na Conferencia de decanos, decanas, directores e directoras de Matemáticas (CDM), da que resultarán acordos relacionados coa formación, investigación e difusión desta ciencia. Incidir na constante mellora da calidade dos estudos, mellorar as condicións de inserción profesional dos titulados e doutores e favorecer a apertura de novas saídas profesionais ou promover a imaxe das matemáticas na sociedade con especial énfase na educación primaria e secundaria son algúns dos obxectivos marcados para esta xuntanza. Logo da apertura esta tarde, a presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, María Patrocinio Morrondo; a decana da Facultade anfitrioa, Victoria Otero; e o presidente da subcomisión de Avaliación da Renovación de Acreditación de Títulos (ACSUG), Laureano González Vega, explicaron nunha mesa o proceso de renovación da acreditación das titulacións de Matemáticas. Neste encontro, que non puido ser inaugurado polo presidente da Xunta, ao impedirlle un grupo de estudantes o acceso ao centro, farase público, o venres 24, un informe realizado en colaboración coa Real Sociedade Matemática Española que indica os bos resultados obtidos polos investigadores españois, e en particular os galegos, no panorama da investigación matemática mundial. A presentación correrá a cargo da directora xeral de Investigación Científica e Técnica do Ministerio de Economía e Competitividade, Marina Villegas Gracia, e da directora do Departamento de Matemáticas da Universidade Autónoma de Madrid, Carmen Ruíz-Rivas Hernando. A sesión continúa coa intervención do reitor Juan Viaño e a decana da Facultade da Universidade de Barcelona, Carme Cascante, acerca das ensinanzas de grao e mestrados en Matemáticas. Rematarán as sesións académicas cun xantar-coloquio sobre as prácticas en empresas e as actividades de formación complementaria. Matemáticas da USC, á cabeza Co evento, unha das actividades máis relevantes neste ámbito en España, conmemórase o 25 aniversario da creación da CDM, que se reuniu por primeira vez en Santiago de Compostela no ano 2000. Agora, 14 anos máis tarde a Conferencia volve á USC como recoñecemento á relevancia nacional e internacional da Facultade compostelá tanto no eido docente, investigador como na transferencia das matemáticas á sociedade. A de Santiago foi a primeira facultade de España, xunto ás da Universidade Autónoma de Barcelona e Salamanca, en impartir o grao de Matemáticas e ocupa tamén os primeiros lugares en número de alumnos de novo ingreso tendo unhas valoracións moi positivas nas enquisas de inserción laboral. Ademais, imparte tres másteres e tres títulos de doutoramento. Do seu recoñecemento internacional dan conta, por exemplo, o posto 51-75 do Ranking de Shanghai en investigación mundial matemática, o terceiro no de Leiden ou o primeiro no de Granada. Nesta Facultade traballa tamén algún dos investigadores mais citados a nivel mundial no ámbito matemático nos últimos anos. Como mostra do alto nivel de formación do alumnado destacan os numerosos premios nacionais e internacionais que reciben polos seus traballos, ben de investigación de docencia ou divulgación. Entre os máis recentes, o John Chambers Statistical Software de 2014, co que a American Statistical Association recoñece o deseño e desenvolvemento de programas estatísticos novidosos que faciliten a análise, visualización e manipulación de datos; o premio á mellor investigadora novel na XIV Conferencia Española de Biometría; o Bernd Aulbach que concede a Sociedade Internacional para as Ecuacións Diferenciais ou o de Promoción de Novos Investigadores 2013 da Real Academia Galega de Ciencias. Un dato máis: 5 das 13 axudas estatais concedidas para contratos predoutorais na área das Matemáticas para a Formación de Profesorado Universitario recibiunas alumnado da facultade compostelá. Á conferencia asisten as autoridades académicas das universidades españolas, de institucións relacionadas coa educación e investigación e de sociedades vinculadas coas matemáticas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2014.