Ir o contido principal

#reto10000, na procura de 10.000 doazóns de sangue no curso 2022-2023

A campaña de doazón nos campus galegos realízase desde 1993. FOTO: Santi Alvite
A campaña de doazón nos campus galegos realízase desde 1993. FOTO: Santi Alvite
As tres universidades públicas galegas súmanse un ano máis a este desafío que permite atender as crecentes necesidades asistenciais dos hospitais galegos
Lugo, Santiago de Compostela

Acadar 10.000 doazóns de sangue no curso académico 2022-2023 é o obxectivo que persegue a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) a través do #reto10000, desafío no que tamén participa a USC xunto coas outras universidades públicas galegas. A campaña levarase a cabo en dúas fases: a primeira, de finais de setembro a novembro de 2022 e a segunda nos meses de febreiro a abril de 2023. Os lugares de doazón poden consultarse nesta ligazón e vanse actualizando semanalmente.

 Durante o pasado curso académico 2021–2022, as campañas desenvolvidas por ADOS nas tres universidades galegas rexistraron 4.057 doazóns de sangue , o que representa un aumento dun 3,6% na participación. Ademais, o 38,9% das persoas que acudiron a doar, facíano por vez primeira. En total, rexistráronse 1.580 doantes novos. En concreto, na USC, realizáronse 1.450 doazóns durante o pasado ano académico.

“Os efectos da pandemia da COVID-19 incidiron na participación da comunidade universitaria nos últimos cursos e queremos amosar o noso agradecemento aos responsables académicos, profesorado, alumnado e persoal que traballa nas tres universidades galegas o seu esforzo para que ADOS puidese desenvolver a súa actividade nunhas circunstancias tan complicadas”, explicaron dende a Axencia. Neste senso, o reto deste curso 2022-2023 pasa por recuperar os niveis axeitados de participación na comunidade universitaria, que permitan atender as crecentes necesidades asistenciais dos hospitais galegos.

A campaña de doazón nos campus galegos realízase desde 1993, en base a acordos de colaboración asinados coas tres universidades. No ano 2021 deuse un paso máis, formalizouse un convenio de colaboración entre ADOS e cada unha das universidades, cuxo obxecto é a planificación e desenvolvemento das campañas de fomento de doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2022.