Reunión da endocrinoloxía pediátrica en Brasil
Entre os días 14 e 16 de abril celebrarase na cidade brasileira de Vitória a reunión anual da Ruta ao Mundo da Endocrinoloxía Pediátrica Iberoamericana que coordina o doutor e profesor xubilado da USC Manuel Pombo. Será el precisamente quen abra o encontro cun relatorio sobre a historia da Ruta, mentes que Raúl Calzada, de México, explicará os obxectivos.
Nesa sesión inaugural o profesor Sotos, de Ohio (EE.UU), impartirá a conferencia maxistral ‘A síndrome de Sotos e a complexidade do crecemento’ . O doutor Sotos foi profesor da Facultade de Medicina de Columbus, na que chegou a desempeñar numerosos postos de responsabilidade clínica, investigadora e administrativa e describiu tres entidades novas dentro da patoloxía médica, en particular unha nova síndrome que leva o seu nome. É unha figura de prestixio internacional no campo da endocrinoloxía pediátrica e estreitamente relacionada con esa especialidade nos países de Hispanoamérica e, moi especialmente, con España. En concreto, estivo varias veces en Santiago de Compostela a efectos de participar en actividades científicas, o que o levou a ser merecedor da Insignia de Ouro da USC. Con motivo da asistencia á reunión de Brasil tamén lle será entregada a Insignia de Ouro da Ruta, que lle imporá o profesor Pombo.
Neste evento trataranse diversos temas relacionados coa especialidade, destacando a participación española representada pola profesora Mariluz Couce, xefa de Neonatotoloxía e da Unidade de Metabolismo do CHUS, que falará sobre patróns xenéticos no apoio da diagnose pouco frecuente endocrino-metabólica, e a doutora Itxaso Rica, do Hospital de Cruces de Bilbao, que explicará a disforia de xénero en idade pediátrica.