Ir o contido principal

A X Reunión da Fundación Española de Historia Moderna celebra este venres a súa sesión de clausura

Nesta xornada homenaxearase aos profesores Baudilio Barreiro Mallón e Antonio García Baquero, e entregarase o I Premio "Xóvenes Investigadores" da FEHM

A X Reunión da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM) celebra este venres 13 no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, a derradeira xornada das sesións deste encontro no que participan máis de douscentos historiadores.
O programa da sesión de clausura comezará ás 9:30 horas coa intervención de José Manuel de Bernardo Ares co relatorio titulado ‘Poder do ‘reino’ (cidades) e poder do ‘rei’ (secretarías, consellos e audiencias no século XVIII): elites, dereito, guerra, finanzas e facenda’. Seguiralle Mª de los Ángeles Pérez Samper coa intervención ‘O mar vivido, o mar soñado’. A conferencia de clausura, ‘As cidades galegas en véspera da Guerra de Independencia’, impartiraa o catedrático Baudilio Barreiro Mallón. Ademais, o profesor Barreiro xunto con Antonio García Baqueroserán os protagonistas tamén da presentación, ás 13:30 horas, dun libro homenaxe. A sesión completarase coa entrega do I Premio “Xóvenes Investigadores” da Fundación Española de Historia Moderna.
Tanto as comunicacións como os relatorio programados para esta xuntanza articuláronse ao redor de dous eixos temáticos principais, o mundo urbano no período da Ilustración e o mar nos séculos modernos. Relativo ao primeiro explicáronse as cidades e a difusión de novos modelos culturais na época, o caso español no XVIII, as relacións co poder real, ademais de explicar as transformacións da paisaxe urbana coas novas distribucións da poboación, pautas de consumo, alimentación ou vestiario.
Por outra banda, no apartado acerca do mar na época Moderna tratáronse os comportamentos demográficos e familiares, as economías nestas sociedades, o goberno e control marítimo e a importancia do mar no interior e na cultura.
A FundaciónA Fundación Española de Historia Moderna existe como tal dende 1999, sendo resultado dun cambio xurídico da Asociación Española de Historia Moderna. Realiza un amplo labor a favor do modernismo a través de publicacións, reunións científicas e mantén ao conxunto dos seus membros ao día das novidades relacionadas con esta parte da Historia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2008.