Reunión en Santiago do proxecto europeo EcosHaz

Persoal investigador do grupo Eco-Iuris da USC participa no proxecto europeo EcosHaz (Economics of Prevention Measures Addresing Coastal Hazards) que estes días se reúne na USC para tratar de definir un marco de referencia sobre os custes e beneficios da prevención e resposta ás ameazas costeiras que resultan de eventos hidrometeorolóxicos (inundacións, erosións da costa, fortes oleaxes por tormentas, aumentos no nivel do mar) e accidentes que causan vertidos de hidrocarburos. Forman parte tamén do proxecto as Universidades Pablo Olavide, Middlesex University e Universita degli Studi di Catania, e o Maritime Institute in Gdansk e Sigma Consultants Ltd.
A xuntanza de traballo que está a ter lugar no Centro de Estudos Avanzados baixo o lema ‘ Economía da prevención de riscos costeiros’ inclúe un obradoiro aberto no que se debaterán diferentes temas de actualidade como a rendibilidade das medidas de prevención de riscos costeiros e a función dos stakeholders, a aplicación das directivas en materia de inundacións, os plans de continxencia existentes no caso de vertidos mariños (con especial atención ao caso galego) ou os mapas de risco de erosión costeira, entre outras cuestións.
Boas prácticas
Ao longo de dous anos de traballo que se completarán en 2016, este proxecto internacional traballa na avaliación dos coñecementos actuais así como as deficiencias e retos detectados no proceso da análise custe-beneficio aplicados ao ámbito dos riscos costeiros en clave económica, así como no desenvolvemento dun mecanismo eficaz de intercambio de coñecemento para analizar boas prácticas tantos dos socios do proxecto como de experiencias internacionais.
O labor deste equipo de expertos e expertas tamén permitira crear un sistema de información integrado con ferramentas de apoio que proporcione orientación e acceso a unha rede de asesores especializados, materiais e outros recursos en situacións de catástrofe ambiental na costa. O abano de resultados incluiría igualmente a realización de accións piloto que subliñen e mostren exemplos de boas prácticas e faciliten a adaptación dos métodos máis adecuados a cada ámbito xeográfico.