Ir o contido principal

A revista ‘Communications Chemistry’ destaca un estudo liderado por investigadores da USC no CiQUS

José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez. FOTO: Santi Alvite
José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez. FOTO: Santi Alvite
Os membros do comité editorial incluíron o traballo dos profesores Eugenio Vázquez e José Luis Mascareñas na súa selección de contidos destacados de 2022, resaltando a achega da investigación no campo dos péptidos estabilizados
Santiago de Compostela

Un artigo publicado o ano pasado por investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) en Communications Chemistry acaba de ser destacado pola revista pertencente ao grupo Nature Portfolio. Os membros do comité editorial incluíron o traballo liderado polos profesores Eugenio Vázquez e José Luis Mascareñas na súa selección de contidos destacados de 2022, resaltando a achega da investigación no campo dos péptidos estabilizados. Os editores celebran “a interdisciplinariedade do traballo na interface da bioloxía química e a química supramolecular”, remarcando o amplo rango de experimentos utilizados e a importancia dos conceptos introducidos.

As hélices alfa son compoñentes fundamentais das proteínas, e xogan un papel clave na linguaxe que estas empregan para comunicarse. É por iso que estas hélices α convertéronse nun branco moi atractivo para o desenvolvemento de novos inhibidores entre proteínas. Pero o desenvolvemento destes inhibidores (coñecidos como hélices α peptidomiméticas) non é fácil porque estas hélices α son delicadas estruturas que tenden a desenrolarse. O enfoque que se emprega habitualmente implica a síntese de análogos con algún tipo de suxeición estrutural que maximice a estrutura alfa helicoidal. “Máis aló das clásicas hélices α estabilizada por metais, a nosa hipótese expón que as hélices α estabilizadas con metais poderían aplicarse ao desenvolvemento de péptidos conmutables, que modifiquen a súa estrutura e a afinidade de unión en resposta a un estímulo externo, neste caso a presenza de Pd(II)” explica o profesor  Eugenio Vázquez, investigador principal do CiQUS.

Os autores do estudo aplicaron este novo concepto para o desenvolvemento de peptidomiméticos dirixidos contra o oncoxene KRAS, responsable de ata o 30% de todos os cancros, incluídos o 95% dos de páncreas, o 45% dos colorrectais e o 33% dos adenocarcinomas de pulmón. Demostraron que estes peptidomiméticos poderían modular o oncoxene KRAS en células vivas, o que suxire novas oportunidades en investigación básica e aplicacións terapéuticas derivadas desta nova estratexia.

Segundo os autores, esta é a primeira vez que se deseña un metalopéptido que pode modular unha vía de sinalización en células vivas. Este enfoque supón “novas posibilidades para o deseño de hélices α peptidomiméticas que aproveitan este mecanismo de encartado-unión, e que pode estenderse a outras dianas biolóxicas”. No intre da presentación do artigo tamén eran investigadores da USC, Soraya Learte-Aymamí (primeira asinante) e José R. Couceiro. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2023.